Nace unha asociación cultural para a recuperación da memoria histórica da comarca do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación da Memoria da Castela Galega foi presentada hoxe no auditorio do Casino Cultural e Recreativo do Carballiño co obxectivo “de darlle valor a aqueles acontecementos históricos que sucederon na comarca, de xeito que pretendemos recuperar a memoria das xentes que non foron tratadas ou tratadas de esguello”, tal e como comentou o presidente deste novo colectivo cultural, Manuel Vázquez Cabo.

No acto tamén participaron o secretario da asociación, Carlos Ojea, e dous colaboradores que forman parte do ‘comité de apoio’, concretamente o historiador Felipe Senén López e o profesor Carlos Meixome, quen foi de facer referencia á primeira actividade programada para este ano, e que estará centrada fundamentalmente nos sucesos de Oseira de 1909, onde foron asasinadas nove persoas desta parroquia de San Cristovo de Cea ao opoñerse á retirada do baldaquino da igrexa parroquial.

Neste sentido, Manuel Vázquez avanzou que nos tres concellos vencellados a estes tráxicos sucesos (Cea, O Carballiño e Ourense), a Asociación da Memoria da Castela Galega promoverá a organización de diversas actividades de tipo divulgativo, como conferencias, proxeccións audiovisuais e exposicións.

 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------