O Consello Local do BNG do Carballiño vén de informar do rexistro por parte de Néstor Rego, deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados, de dúas iniciativas parlamentarias dirixidas ao Goberno do Estado co obxectivo de aclarar a situación da depuradora municipal e garantir a protección ambiental e a seguranza hídrica da comarca.
A primeira das iniciativas, presentada polo BNG no Congreso mediante preguntas escritas, está relacionada coa situación actual da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Carballiño e co cumprimento da normativa en materia de vertidos, logo de que no ano 2022 o concello fose sancionado pola Confederación Hidrográfica del Miño-Sil por non teren legalizados os vertidos da infraestrutura.
A iniciativa do BNG no Congreso formula cuestións directas ao Executivo estatal para coñecer “se concluíron os trámites para a legalización dos vertidos da EDAR do Carballiño”, “se conta con todas as autorizacións pertinentes segundo a normativa vixente” e “se se realizaron inspeccións ou avaliacións sobre o desempeño da depuradora e a calidade das augas vertidas ao Carrás”. O obxectivo é garantir transparencia administrativa e seguridade ambiental para a veciñanza.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A segunda das iniciativas céntrase na solicitude da Mancomunidade O Carballiño-Maside para incrementar a captación de auga do río Arenteiro co fin de abastecer a ampliación do polígono industrial. Segundo recolle o texto rexistrado polo BNG no Congreso, o aumento previsto da demanda hídrica implicaría un incremento do consumo de auga superior ao 14%, nun contexto no que o río presenta episodios de caudais moi baixos e problemas ambientais recorrentes, especialmente nos meses de verán.
Nas preguntas escritas presentadas polo Bloque reclámase á administración información sobre a avaliación realizada pola Confederación Hidrográfica, o estado ecolóxico do río e as posibles consecuencias ambientais do incremento da captación. Do mesmo xeito, o BNG solicita datos actualizados sobre os caudais, a afectación da eutrofización e as medidas previstas para protexer o ecosistema fluvial, así como a necesidade dun plan integral de restauración ambiental para o Arenteiro e os seus afluentes.
Desde o Consello Local do BNG do Carballiño subliñan que ambas iniciativas buscan defender os intereses da comarca, garantir servizos públicos esenciais en condicións axeitadas e priorizar a protección dos recursos naturais fronte a decisións que poidan poñer en risco a saúde ambiental e o abastecemento de auga á poboación. O BNG asegura que continuará empregando todas as ferramentas institucionais ao seu alcance para asegurar o cumprimento da normativa, a transparencia na xestión das infraestruturas e a defensa do medio
ambiente e da calidade de vida da veciñanza do Carballiño e da súa comarca.

















