A Deputación adquire dous novos camións para o servizo provincial de recollida de residuos

A compra destes vehículos recolectores forma parte da renovación anual da flota

O servizo provincial, que atende dun xeito integral a 55 concellos e a outros 18 municipios no que corresponde á recollida de envases lixeiros, recolle anualmente unhas 42.364 toneladas de residuos

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 10 de xaneiro de 2023.- A Deputación de Ourense ven de adquirir dous novos camións destinados ao servizo provincial de recollida de residuos sólidos urbanos, dentro da renovación anual da flota deste servizo deseñada pola administración. 

O deputado Pablo Pérez supervisou no Parque da Maquinaria da Deputación estes dous vehículos, nunha visita na que estivo acompañado por persoal do centro e do propio servizo provincial de recollida de residuos. 

Na adquisición por parte da administración provincial destes dous vehículos recolectores de carga traseira -cunha capacidade de 13 metros cadrados- está incluída a entrega de dous vehículos recolectores situados ao final da súa vida útil, como método de renovación de flota. 

Na actualidade, o servizo provincial de recollida de residuos sólidos urbanos atende a 55 concellos de xeito integral -cunha poboación atendida de 110.000 habitantes aproximadamente- e, adicionalmente, outros 18 concellos adheridos ao servizo municipal de recollida de envases lixeiros, 6 adheridos á recollida de papel e cartón e 9 municipios, ao de vidro. 

A Deputación xestiona ademais dous puntos limpos de ámbito comarcal -o de Verín, que da servizo aos veciños de 7 concellos, e o da Gudiña, que da servizo a 5 concellos-. A isto se engaden o servizo supramunicipal de transferencia, mediante un convenio de colaboración co Sogama ao que están adheridos actualmente 68 concellos ourensáns.

42.364 toneladas anuais de residuos recollidas

O servizo conta actualmente con 21.497 contedores -15.117 unidades de fracción resto; 4.395 de envases lixeiros; 1.123 de papel-cartón e 862 de vidro-; ademais de 38 vehículos recolectores; 2 minirecolector; 2 porta contedores; 2 remolques porta contedores con equipo de gancho, e con guindastre nos contedores; 1 volquete con guindastre; 2 puntos limpos móbiles; 2 camións lavacontedores; 3 furgones; 2 furgonetas e 3 turismos. 

Polo que corresponde as cifras de recollida, son aproximadamente 42.364 toneladas anuais. Por categoría, 38.914 toneladas anuais de fracción resto; 1.200 toneladas de envases lixeiros; 770 toneladas de papel-cartón e outras 1.480 toneladas de vidro.