O PSdeG-PSOE de Ribadavia propón a catalogación patrimonial da cheminea e da sirena da antiga fábrica de cadaleitos creada por Luis Chao Sobrino

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Grupo Municipal do PSdG-PSOE de Ribadavia rexistramos unha moción para promover a declaración como ben de interese cultural industrial da cheminea e da sirena da antiga fábrica de cadaleitos creada por Luís Chao Sobrino, elementos singulares do patrimonio histórico e social de Ribadavia.

A fábrica, considerada a primeira do sector en España, iniciou a súa actividade en 1910 e trasladouse en 1928 ás instalacións situadas nas proximidades da estación de tren. Tras o falecemento do seu fundador en 1938, constituíuse en 1940 a sociedade Herdeiros Luís Chao
Sobrino, que chegou a empregar preto de 200 persoas nos seus momentos de maior produción, cesando a súa actividade en 2019. Durante décadas foi un motor económico e un referente na comarca, xerando emprego estable e impulsando unha etapa de auxe social e industrial.
Entre os elementos máis representativos do conxunto destacan: a cheminea coa inscrición “Herdeiros Luís Chao Sobrino”, datada nos anos 40; a sirena industrial, instalada a comezos dos anos 60, que marcou o ritmo da vila e funcionou como referencia horaria para a veciñanza, converténdose nun elemento de patrimonio inmaterial e nun símbolo compartido por varias xeracións.

A moción subliña que a sirena formou parte da memoria colectiva, non só como sinal de entrada e saída laboral, senón como expresión dunha etapa de traballo, esforzo e vida que definiu a identidade contemporánea da comarca do Ribeiro. A iniciativa tamén aposta pola recuperación da memoria histórica local e pola posta en valor do pasado industrial de Ribadavia, recoñecendo o papel da fábrica como
infraestrutura que deu vida económica ao municipio durante décadas. Actualmente, malia situarse nunha zona de especial protección, nin a cheminea nin a sirena contan con ficha no catálogo municipal de bens protexidos.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Por todo elo, o PSdeG-PSOE de Ribadavia propón na súa moción a inclusión da cheminea e da sirena no catálogo municipal de elementos protexidos por parte do Concello de Ribadavia, recoñecéndoos como símbolos da identidade local e comarcal. Ademais, que se solicite á Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural) da declaración de ben de interese cultural industrial ao abeiro da Lei 5/2016 do
patrimonio cultural de Galicia, en categoría de monumento.

Na proposta socialista tamén se pide unha “avaliación técnica do estado de conservación da cheminea, para, se procede, consolidar a súa base e protexer a inscrición histórica”. Finalmente, solicítase “a posta en valor do patrimonio inmaterial asociado á sirena, estudando a súa activación simbólica como elemento identitario singular do Ribeiro”. Neste sentido proponse “unha fase piloto na que a sirena soe un día á semana (por exemplo, os sábados ás 13,00 horas) e en datas sinaladas, contribuíndo tamén á difusión de eventos e festas locais.

Dende o Grupo Municipal destacan que esta iniciativa aliña protección patrimonial, memoria histórica e dinamización cultural, reforzando o relato colectivo dunha etapa que definiu o desenvolvemento económico e social de Ribadavia e da súa comarca.

    PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------