O xurado do Concurso de Carteis da 63ª Feira do Viño do Ribeiro reuniuse na sede do Consello Regulador do Ribeiro, en Ribadavia, para elixir o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2026, que terá lugar na vila ribadaviense do 1 ao 3 de maio.
A obra gañadora está deseñada por Ángel Ligero Martínez, natural de Alfaro, La Rioja e foi elixida entre 52 propostas presentadas nesta edición do concurso. El é deseñador e pintor, apaixonado polo cartelismo, con infinidade de premios ás súas creacións a longo dos anos. En relación á súa obra denominada “A nosa terra”, comenta que a idea que quere reflectir é “a unión dun pobo, dunha terra, polos seus viños, facendo algo con corazón, con sentimento.” Ademais engade que quixo trasladar “unha fusión de elementos que aúnan os sentimientos por un viño, unha uva, unha terra, unha festa, unha denominación de orixe, xogando coas cores do viño, das uvas e incluso da paisaxe co paso do tempo.”
Para a elección do seu cartel anunciador, o Concurso de Carteis da 63ª Feira do Viño do Ribeiro contou cun xurado integrado por profesionais no ámbito do deseño gráfico e dos coorganizadores da Feira do Viño. O grupo tivo que deliberar entre 22 obras preseleccionadas polo público. Preto dun cento de persoas emitiron os seus votos durante o prazo para a preselección na Casa da Cultura de Ribadavia, que foi dende o 29 de xaneiro ata o 10 de febreiro. Todas elas foron sometidas ao xuízo, resultando a obra gañadora premiada con 1.000€.

Participaron como membros do xurado Concha Iglesias, presidenta do C.R.D.O. Ribeiro; Yolanda Gómez, concelleira de Cultura de Ribadavia; Jaime Díaz, de Incubarte, creatividad multicanal, e Julio A. Gutiérrez, de Guvi Social Media.
A presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, comentou que “este concurso permite a participación de moitos profesionais do sector, como deseñadores gráficos ou pintores, principalmente de Galicia, pero tamén doutras partes de España, como La Rioja, Madrid, País Vasco, Andalucía, Murcia ou Canarias”. Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, engadíu que “tamén queremos premiar a aposta dos estudantes do Bacharelato de Artes Plásticas, Imaxe e Deseño, do IES O Ribeiro, onde as profesoras animan aos alumnos a participar neste concurso. Por elo, faremos entrega dun especial agasallo a un dos participantes proximamente”.
















