O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribadavia adianta que no pleno da Corporación deste xoves, día 26, debaterase a moción presentada por esta formación política, na que se insta aos distintos grupos municipais a esixir á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado un financiamento suficiente para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), así como solicitar do Goberno autonómico que impulse un novo modelo público de coidados, que substitúa ao actual servizo baseado en horas por un modelo integral e personalizado, coa creación dun organismo específico para servizos sociais.
O grupo nacionalista considera que “o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é unha ferramenta esencial para garantir unha vida digna ás persoas maiores, dependentes ou con dificultades de autonomía, permitindo que poidan continuar vivindo no seu fogar e na súa contorna. Porén, na actualidade o sistema padece dun financiamento insuficiente e desequilibrado, trasladando unha parte crecente do custo do servizo aos concellos”. E apuntan o feito de que “o investimento por persoa dependente en Galiza sitúase moi por debaixo da media estatal, e o custo real do servizo continúa incrementándose ano tras ano, especialmente nos concellos rurais, con poboación máis envellecida e dispersa”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Dende o BNG ribadaviense entenden que “a Xunta de Galiza mantén, ademais, módulos de financiamento moi afastados da realidade. En defensa dos intereses municipais, tanto económicos como competenciais, a favor dun modelo asistencial das persoas mais vulnerábeis, universalizando os coidados e proporcionando a todas as persoas un servizo digno e de calidade vivan onde vivan, debemos reclamar que a Xunta e o Estado abonen aos concellos un financiamento suficiente, até que se asuma o servizo como un instrumento de benestar social, a través da creación dun organismo que permita atender de xeito integral e eficiente a todas as persoas dependentes”.
















