https://www.facebook.com/share/v/1Ak6n34NyC
Expourense converterase nesta fin de semana no epicentro mundial do atletismo en pista curta (short track) para deportistas con discapacidade intelectual, o ‘2026 Virtus World Short Track Championships’, un campionato do mundo que reunirá aos mellores atletas internacionais na pista cuberta do recinto feiral de Ourense A competición, organizada por Virtus, Federación internacional do deporte para persoas con discapacidade intelectual, xunto coa Federación Española de Deportes para Persoas con Discapacidade Intelectual (FEDDI), conta coa participación de 113 deportistas e 51 técnicos procedentes de 11 países: España, Bulgaria, Francia, Italia, Polonia, Portugal, Republica Checa, Suecia, Turquía, Ucraína, e un equipo neutral que competirá baixo a denominación establecida por Virtus.
Iste campionato, que se desenvolverá dende mañá, venres, ata o domingo, a nivel competitivo, foi inaugurado hoxe en Expourense polas autoridades e representantes da Xunta de Galicia, Expourense, Concello de Ourense e FEDDI, voltará situar a España como sede dunha gran competición internacional Virtus, tras o éxito do Mundial de Futsal organizado por FEDDI en Torrevieja. Son dous campionatos do mundo organizados en apenas tres meses, co que FEDDI consolida a súa aposta polo deporte de alto nivel para persoas con discapacidade intelectual.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O Mundial chega despois do gran papel do equipo español no Europeo de Atletismo Short Track celebrado en marzo de 2025 en Espoo (Finlandia), onde España sumou 13 medallas e asinou un meritorio 4º posto no medalleiro. O obxectivo agora é dar un paso máis para loitar polo podio por equipos e certificar unha gran actuación en “casa”, arroupados pola afección e por toda a contorna do deporte para persoas con discapacidade intelectual en España.
O campionato disputarase na pista cuberta de 200 metros, en probas onde a velocidade, a técnica e a estratexia decídense en cuestión de segundos. Baixo o lema “On your marks… Ourense!”, a cita pon o foco no rendemento de elite e na identidade da cidade anfitrioa. Ademais do espectáculo deportivo, o campionato busca implicar á comunidade local, centros educativos, clubs deportivos, familias e voluntariado, xerando un impacto social que transcenda a competición.
A celebración do campionato en territorio nacional supoñerá un impulso especial para os atletas españois, que terán a oportunidade de competir #ante o seu público. “Competir en casa transforma un campionato. Non só polo apoio do público, senón porque converte cada actuación en algo aínda máis especial. Para os nosos atletas supón un impulso competitivo e emocional enorme, e para España é unha oportunidade para demostrar que o deporte para persoas con discapacidade intelectual forma parte do presente e do futuro do alto rendemento”, tal e como salientaba Celia Garrote das Heras, a directora executiva de FEDDI no acto inaugural.
Máis aló das medallas, o 2026 Virtus World Short Track Championships aspira a deixar un legado duradeiro na promoción do deporte para persoas con discapacidade intelectual, fomentando a práctica deportiva e a sensibilización social. O campionato será tamén unha oportunidade para proxectar internacionalmente o traballo que desenvolve FEDDI e o crecemento do atletismo dentro do movemento deportivo inclusivo en España. Con máis de 12.000 licenzas deportivas a nivel nacional, o campionato chega nun momento de crecemento sostido do deporte para persoas con discapacidade intelectual.
Durante estes días, Ourense será o punto de encontro de atletas, adestradores, familias, voluntarios e afeccionados que compartirán unha mesma paixón: demostrar que o deporte de alto nivel non entende de etiquetas.
O Virtus World Short Track Championship 2026 conta cun sólido respaldo institucional e empresarial que fixo posible a celebración do evento en España. Entre os principais apoios destacan o da Xunta de Galicia (Deporte Galego), Deputación Ourense e o Concello de Ourense. Xunto a eles, unha notable liña de colaboradores reforza o proxecto: Joma, Kon Sports, Federación Galega de Deporte Adaptado, Federación Galega de Atletismo, Expourense, C.D. A Purísima, Eroski e Artiach.
















