Trastorno do espectro autista en tempos de Coronavirus

IES CHAMOSO LAMAS

Cristina Vázquez Ulloa

Licenciada en Psicopedagoxía

HIPER MASIDE

Mestra Especialista en Pedagoxía Terapéutica e Educación Musical

Formación en Atención á Diversidade e Necesidades Específicas de Apoio Educativo. Formación específica en TEA.

Artigo : 2 de abril. Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. TRASTORNO DO ESPECTRO AUTISTA EN TEMPOS DE CORONAVIRUS

“Estaba nervioso, outro día máis sen ir ó colexio, non entendo o que pasa, outra vez o ruído da lavadora, teño que estar aquí no salón, mamá intenta organizar un horario, pícame a roupa, hoxe papá non para de falar por teléfono, miro pola ventá, catro paredes, xudías, non hoxe non, tiro o prato, non, ando polo corredor, boto unha pelota, fágoa rodar e rodar, dun lado ao outro, quero ir ó cole, grito, non me entenden, necesito saír, casa non … dende as ventás gritan que vaiamos para casa, insultos… -¿mamá?…”

Hoxe, conmemórase o Día Mundial de Concienciación sobre Autismo. O Trastorno do Espectro Autista (TEA) é un trastorno do neurodesenvolvemento que se caracteriza por un desenvolvemento da interacción e comunicación social deficitario e un repertorio de actividades e intereses restritivos e repetitivos.

Moitas veces escoitamos que as persoas con TEA viven no seu mundo, pero non é así, viven no NOSO MUNDO. Un mundo no que se aceptamos a diversidade, non será necesaria a inclusión, senón a CONVIVENCIA.

Nestes días de confinamento social, as persoas con TEA poden saír á rúa tal e como se indica nunha instrución do Ministerio de Sanidade, e dende este momento, están a sufrir un hostigamento social que fixo “¿necesario?” ter que identificar a estas persoas cun lazo de cor azul, neste caso estamos a falar de nenos/as sobre todo e as persoas que os/as acompañan para que non reciban berros e críticas. Non se precisa un distintivo para que se respecten os dereitos das persoas, que ante todo son persoas e despois persoas con autismo.

Chegados ate este punto preguntámonos, con que clase de valores convivimos que fan que teñamos que etiquetar, estigmatizar a estas persoas para que poidan saír a rúa? As súas saídas son por saúde, por recomendación médica. É moi importante coñecer, dar visibilidade pero sobre todo comprender as situacións persoais de cada persoa e favorecer a convivencia.

¿Como te sentirías ti se…? De repente apareces nunha tribo africana, non coñeces as súas costumes, as súas normas, non podes comunicarte con eles, non sabes o que vai a pasar en cada momento, non entendes a súa linguaxe, tes que andar por alí sen zapatos, con roupa que te fagas ti, con follas, comer animais diferentes, danche indicacións de que facer pero non entendes nada…

Debemos preguntarnos ¿Quen de nós é o suficientemente “normal” para decidir o que se considera “normal” ou non?