A xestión do Expediente 9005/2024, destinado a mitigar a presenza de radón no edificio Multifuncional, deriva nunha polémica que afecta directamente á comunidade educativa. Varias voces denuncian que a Concellaría de Educación optou por unha solución meramente administrativa e enganosa para non afrontar a instalación dun sistema eficaz de ventilación.
Segundo as denuncias, dúas aulas superan os 300 Bq/m³ permitidos polo Código Técnico da Edificación e outras cinco atópanse no límite crítico. Para evitar cumprir a normativa, o Concello tería decidido renomear estas aulas como “almacéns” nos planos, argumentando que, ao non seren consideradas “espazos habitables”, xa non están obrigadas a cumprir o límite legal.
Esta medida, cualificada como “truco do almendruco”, é considerada un fraude técnico, xa que o radón é un gas radioactivo que se segue acumulando e que pode contaminar o resto do edificio por difusión. A reetiquetaxe permitiría asinar a recepción da obra sen solucionar o problema real de seguridade.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Fronte a isto, o catedrático en epidemioloxía Alberto Ruano propuxo unha solución técnica, viable e de baixo custo: instalar un sistema de ventilación mecánica con sobrepresión, que reduciría os niveis de radón por debaixo dos 100 Bq/m³, triplicando as esixencias legais. Ruano afirmou que “se fose o Concello, faríao”, desmontando as posibles escusas orzamentarias.
Desde os sectores críticos esíxese ao Concello que deixe de lado os “trucos burocráticos” e adopte medidas reais que protexan a saúde do alumnado e do profesorado, poñendo fin a unha situación que consideran “unha falta de respecto e unha temeridade”.
¡Menos trucos e máis ventilación!

















