O CIFP de Vilamarín (Ourense) resultou gañador do concurso para escoller o lema do Correlingua 2026, unha iniciativa que promove o uso e a defensa da lingua galega entre a mocidade e a infancia en toda Galiza.
O lema gañador foi creado polo alumnado de 1º do ciclo básico de Actividades de Panadaría e Pastelaría, baixo a coordinación da súa titora, María José Rodríguez Pérez (achéganse dúas fotografías co alumnado deste grupo e a súa titora).
O lema seleccionado foi:
“CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN”
Nesta edición do concurso participaron un total de 190 lemas presentados por 1.834 alumnos e alumnas de todo Galiza, o que demostra a grande implicación da comunidade educativa na defensa e promoción da lingua galega.
No caso do CIFP de Vilamarín, o reto resultou especialmente enriquecedor, xa que no ciclo de Panadaría e Pastelaría convive alumnado de diversas nacionalidades, entre elas Colombia, Senegal ou Cuba. A pesar desta diversidade lingüística e cultural, o alumnado traballou de maneira colaborativa para crear propostas de lema en galego, demostrando que a lingua pode ser tamén un espazo de encontro, integración e traballo en equipo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Finalmente, a proposta do grupo foi seleccionada como lema oficial do Correlingua 2026, polo que aparecerá nos carteis, materiais e actividades desta edición que se celebrarán por toda Galiza.
Desde o centro educativo queremos destacar o esforzo, a creatividade e o compromiso do alumnado participante, así como o valor educativo desta experiencia, que promove o uso do galego desde unha perspectiva participativa, inclusiva e motivadora.

















