O BNG urxe dotar a Ourense dun novo edificio administrativo no que centralizar os servizos da Xunta de Galiza

IES CHAMOSO LAMAS

Lembran desde o BNG que Ourense segue a ser a única provincia na que a Xunta non ten concentrados os seus servizos administrativos nunha única sede, situación que implica unha evidente molestia para a cidadanía

Desde o Grupo Parlamentar do BNG, lémbranlle ao goberno galego que xa a finais do ano 2018, o presidente da Xunta, anunciou a súa intención de dotar a Ourense dun “edificio singular” no que albergar a totalidade do servizos administrativos da Xunta de Galiza, prometendo que os orzamentos do próximo ano, recollerían unha partida inicial que permitise avanzar na tramitación do proxecto anunciado, algo que, segundo fontes nacionalistas, “non consta”.

HIPER MASIDE

Lembran igualmente que no 2019, Núñez Feijóo volveu anunciar a construción do edificio administrativo para o que comprometería un investimento de 20 millóns de euros, instándolle ao Concello de Ourense á posta a disposición dunha parcela na que construír a edificación, sen que a día de hoxe conste avance ningún nesta cuestión.

Así as cousas, e segundo o deputado por Ourense Iago Tabarés, “Ourense segue a ser a única provincia na que a Xunta de Galiza non ten concentrados os seus servizos administrativos nun edificio, senón que as dependencias están esparexidas en 20 inmóbeis ubicados en distintas zonas da cidade, situación que implica unha evidente molestia para a cidadanía e un custo importante para os recursos públicos, dado que non en todos os casos a propiedade do inmoble é pública”.

Ademais do anterior, Tabarés fai fincapé no feito de que “o estado de locais no que se ubican as dependencias administrativas en moitos casos carecen de luz natural, contan con problemas de climatización, falta de espazo, humidades, vertidos, síndrome de edificio enfermo, sen medidas de emerxencia, con problemas de radón, etc. Ademais de incumprir a lei de accesibilidade universal, como xa se ten denunciado desde a CIG”.

Nesta sucesión de compromisos e anuncios incumpridos o actual Secretario Xeral do Partido Popular manifesta a existencia dun “bloqueo” no proxecto da construción do edificio administrativo, sen precisar as razóns nin as causas do mesmo. Afirmación que para Iago Tabarés, “provocan grande preocupación, institucional e democrática, habida conta das actuacións do declarante en relación coa cidade de Ourense e coa composición do actual goberno local, responsabilidade única do propio PP”.