O Carballiño estará presente na Feria de Sevilla, que se celebrará do luns 20 ao domingo 26 de abril na capital andaluza. A asociación cultural Lar Gallego de Sevilla decantouse pola vila do Arenteiro para adicarlle a súa caseta deste 2026, xa que cada ano elixe unha localidade galega distinta para promocionala. “Estamos moi contentos e agradecidos de que nos escollesen”, sinala Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.
O Concello ultima estes días o envío de información e das fotografías para decorar a caseta, na que se poderán ver espazos senlleiros, como o Parque Municipal ou o Templo da Veracruz, ademais das celebracións máis sinaladas do calendario, como a Festa do Pulpo, a Festa da Cachucha ou a Semana Santa. “É unha excelente oportunidade para dar a coñecer a nosa riqueza paisaxística, gastronómica e cultural ante as miles de persoas que acoden eses días ao recinto ferial”, destaca o edil.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Tereza Johánková, secretaria do Lar Gallego de Sevilla, comparte a opinión de Dacal: “A nosa caseta sempre ten moito éxito, e son miles e miles as persoas que pasan e coñecen a localidade escollida”. A entidade decantouse pola vila do Arenteiro en xaneiro, despois da reunión da directiva. “Temos unha socia que participa activamente no coro e nas clases de gaita e pandeireta e que está vinculada co Carballiño”, explica. No ano 2025, o espazo estivo adicada a A Guarda; en 2024, a Ribadavia, e en 2023, a A Pobra do Caramiñal.
A colaboración co Lar Gallego non rematará coa Feria de Sevilla, xa que a entidade tamén participa no Encuentro de Casas Regionales y Provinciales en Sevilla o próximo mes de outubro, no que tamén promocionarán as xoias turísticas do Carballiño.

















