Diante dos danos causados na pintada Adiante Semanario o pasado día 6 de marzo, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova -que ten entre os seus fins estatutarios impulsar o estudo e a difusión dos coñecementos sobre a memoria histórica da Comarca de Celanova e sobre as vítimas da Guerra Civil e o franquismo e o labor de recoñecemento público para todas as persoas que contribuíron a construír a República e loitaron despois contra a ditadura para o restablecemento da democracia- reitera que é urxente protexer a pintada e denunciar os feitos diante das autoridades competentes para unha correcta avaliación dos danos e identificación dos responsábeis dos mesmos e das súas responsabilidades.
INTERPELAMOS en primeiro lugar á administración local, o Concello de Celanova.
Segundo a Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, os concellos teñen responsabilidade sobre os bens que detecten, mesmo se non teñen protección autonómica formal; é dicir, aínda que non estean catalogados nin inscritos no censo do patrimonio cultural.
ANTECEDENTES
A pintada Adiante Semanario é un elemento que fai parte do acervo de Celanova, sobre o que o Concello recibiu alertas constantes por parte do Comité desde o 2022 e o asunto da súa protección foi tratado en pleno ese mesmo ano por iniciativa do Comité.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
PLENO DO 05.10.2022
Estrato do comunicado do Comité previo á sesión:
A moción foi presentada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova a todos os grupos da corporación. Finalmente, os representantes do PSdeG-PSOE e o BNG levarán o texto a debate por cuestión de urxencia, asumindo as demandas do Comité. No texto, solicítase un acordo da corporación para que o goberno municipal habilite “de maneira urxente e inmediata un elemento de disuasión permanente e eficaz contra calquera actividade que dane a fachada do Mosteiro no punto no que se localiza a pintada ‘Adiante Semanario’, en canto elemento de singular valor histórico e cultural para a vila de Celanova”.
Na moción, o Comité lembra que xa “chamou a atención da Alcaldía diante do rápido deterioro que está a sufrir a pintada a causa dos xogos de pelota infantís contra a fachada do Mosteiro. A solución adoptada, colocar un cartel recomendando non “golpear a fachada”, está a resultar a todas luces ineficaz: os xogos persisten e o cartel non se repón coa dilixencia necesaria cada vez que alguén o retira”.
A colocación daquel cartel, durante apenas uns días en 2022, foi a única actuación directa do Concello até hoxe para protexer a pintada.
ELECCIÓNS LOCAIS 2023
De cara as eleccións municipais de maio de 2023, o Comité elaborou un decálogo de medidas no eido da memoria e fíxoo público co fin de que as distintas formacións o incorporaran aos seus programas. Nese decálogo, o quinto punto solicitaba documentar e protexer “a pintada ‘Adiante Semanario’ na fachada do Mosteiro de Celanova, obra das Mocedades Galeguistas”. O decálogo só foi recollido no programa do BNG.
CONSULTA Á ESCOLA DE CONSERVACIÓN 2024
En marzo de 2024, o Comité tomou a iniciativa de facer unha consulta á Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, con sede en Vigo. Desde a vicedirección da Escola, recomendóusenos unha serie de actuacións. A primeira, conseguir a protección legal efectiva da pintada. A opción máis rápida era facer unha declaración de “ben inventariado” para esa pintada, a través dun proceso que comenzaba pola realización dun estudo preeliminar sobre o estado da pintada.
O 2 de maio publicouse un anuncio no noso Facebook:
“O Comité busca profesional ou empresa de conservación e restauración para realizar un orzamento para o estudo e diagnose do estado de conservación da pintada Adiante, ubicada na fachada oeste do Mosteiro de San Salvador de Celanova (…) O Comité, coa colaboración do Concello, trata de acometer as medidas necesarias para a conservación deste elemento histórico patrimonial, comezando por definir o seu inventariado e protección legal”.
Nas semanas seguintes presentáronse varias empresas e finalmente solicitouse orzamento a dúas delas.
COLABORACIÓNS 2025
Transmitíuselle ao goberno municipal o custe estimado (uns 1.350 euros) para que reservase unha partida nos Orzamentos municipais de 2025. Recibimos o compromiso do Concello de que así se faría. E durante todo o ano 2025 mantivemos contacto e colaboración co Concello, desde a inauguración do memorial en San Breixo, en marzo, até a presentación de dous inéditos de Celso Emilio en novembro dentro dunhas xornadas de memoria. En cada ocasión que tivemos, insistimos na necesidade de abordar de vez a cuestión da pintada.
SITUACIÓN ACTUAL
Tralo intento de borrado por parte dun traballador da produtora cinematográfica Vaca Films o venres 6 de marzo, a pintada degradouse considerabelmente.
O Comité denunciou os feitos esa mesma mañá despois de comprobar o dano e falar co veciño que freou o borrado.
Pola tarde, o Alcalde publicou en redes sociais unha mensaxe que remataba co compromiso de lles esixir “ós responsables da produtora unha urxente intervención para devolvelo o antes posible ó estado anterior a estes feitos”.
O luns día 9, o Comité solicitou por rexistro unha reunión urxente co goberno municipal para tomar medidas urxentes de protección da pintada e co ánimo de recuperar a iniciativa de intervención do 2024.
Este venres, unha semana despois do suceso, a pintada segue sen elemento ningún de protección e desde o Concello remitíronnos ao próximo luns, día 16, para fixar a data desa reunión urxente que demandamos.
A produtora Vaca Films púxose en contacto co Comité e comprometeuse a emitir un comunicado explicando o que aconteceu e o que vai facer.
O Comité solicitou asesoramento legal dado que non tivemos noticia de que se teña presentado nin por parte do Concello nin de ningunha outra entidade ou persoa denuncia sobre os feitos. E nos próximos días reunirase a xunta directiva co fin de analizar as accións a emprender.
Desde o luns pasado, cando solicitamos polo conduto oficial a xuntanza, estamos esperando a que o Concello tome cartas no asunto, tendo en conta o abraio entre a veciñanza por uns feitos desconcertantes e de difícil xustificación.
Neste comunicado, e pendentes desa reunión co Concello, solicitamos do goberno municipal que:
1. Habilite o elemento de protección e alerta sobre o estado da pintada que considere oportuno.
2. Informe aos responsábeis de Patrimonio dos feitos e dos danos para que os técnicos poidan realizar unha avaliación do estado da pintada.
Son dúas cuestións urxentes, e se o Concello, polos motivos que sexa, non está en disposición de atender esa urxencia, nolo comunique e consinta a colocación dun cartel disuasorio por parte do Comité, que tamén se encargará de presentar a correspondente denuncia diante das autoridades competentes para que os danos sexan avaliados pola Administración.

















