Os profesores Miguel A. García e Manuel Vázquez Villanueva son os autores de “O tempo que nos une: un retrato do clima local”, unha publicación editada polo Concello do Carballiño coa colaboración do Centro de Estudios Chamoso Lamas e que “recolle unha boa parte do devir climático nque vivimos no día a día os veciños do Carballiño”, tal e como apunta no limiar do libro o alcalde do municipio, Francisco Fumega.
A presentación en público desta obra, prologada por Xosé Luis Sobrado, terá lugar o vindeiro sábado, 21 de marzo, no salón de plenos da Casa do Concello, a mesma ubicación na que esta mañá se levou a cabo un adianto sobre o seu contido, nun acto no que participaron os autores e o concelleiro de Cultura, Diego Fernández.
Fernández destacou a traxectoria de Miguel García, Premio Nacional de Meteoroloxía, como fundador e mantedor da Estación Meteorolóxica do IES Chamoso Lamas -“o noso home do tempo”- e de Manuel Vázquez, antigo mestre de Xeografía no colexio público de Maside. “Esta é unha obra que vai supoñer unha aportación moi importante para a ciencia e para o propio concello, co coñecemento de datos sobre a climatoloxía da zona para o desenvolvemento de iniciativas vencelladas ao ámbeto agroforestal”, indicou o edil de Cultura.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Neste sentido, Manuel Vázquez apuntou que “a idea básica é que é un libro de consulta, con datos recollidos ao longo de 40 anos, cunha primeira parte adicada á climatoloxía e o medio ambiente; unha segunda centrada no Carballiño e a importancia do clima na vida e na saúde humana. e, unha terceira, sobre a fenoloxía, a interrelación entre as variables meteorolóxicas e os seres vivos, xa sexan animais ou plantas”.
Pola súa banda, Miguel García lembrou que a idea de publicar o libro “xa estaba na miña cabeza cando xa tiña 20 anos de datos recollidos, pero esperei a ter máis ata chegar aos 40, de xeito que xorde da necesidade de dar a coñecer estes datos da temperatura, precipitacións, vento, humidade, presión, insolación e evaporación, entre outros, nas súas máis de 200 páxinas”.

















