BNG comprométese a defender no Congreso os intereses de Valdeorras a través dun Grupo Galego Forte

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

María G. Albert chama a “facer historia” o vindeiro 23X sacando por Ourense o primeiro escano nacionalista no Congreso: “un escano que defenderá os intereses da veciñanza de Valdeorras”

Noa Presas defende rachar coa discriminación histórica que sofre a comarca, sobre todo en materia de infraestruturas e a dotación de servizos, que os sucesivos gobernos estatais, de PSOE e PP, provocaron

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 24 de xuño de 2023. A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Noa Presas, e a alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert, chaman a facer historia o vindeiro 23X sacando unha deputada nacionalista por Ourense que defenda os intereses da comarca de Valdeorras para rematar coa discriminación que vén sufrindo polos sucesivos gobernos estatais de PSOE e PP. Superar o déficit en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias, e ampliar os servizos da comarca serán dúas das reclamacións principais que Presas asume para levar ao Congreso cando sexa deputada.

A deputada e cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Noa Presas, exemplificou en María González Albert o traballo incansábel “na defensa dos intereses da comarca de Valdeorras durante a súa etapa no Parlamento de Galiza”. Traballo, engade, que tamén “desenvolverá como alcaldesa do Concello da Rúa transformando a realidade social da veciñanza ruesa”.

Mais, para apoiar o desenvolvemento social e económico da comarca e, no concreto, o concello da Rúa, a cabeza de lista sinala a necesidade de que o vindeiro Goberno do Estado remate do déficit histórico que sofre Valdeorras, sobre todo en materia de infraestruturas. “Os sucesivos gobernos do Estado, independentemente de que estivesen PP ou PSOE, levaron a comarca de Valdeorras á marxinalidade. O BNG comprométese a rematar con esta discriminación co obxectivo claro de que Valdeorras conte e teña voz no Congreso” defende Presas.

“Cun Grupo Galego Forte en Madrid seríamos capaces de condicionar, permanentemente, as actuacións do Goberno. Xa temos presentados diversas iniciativas, alén das emendas aos Orzamentos, para acometer actuacións necesarias na N-120 e a A-76 ou o saneamento dos ríos Casoio e Sil, así como a mellora e ampliación dos servizos ferroviarios nas estacións da Rúa e do Barco de Valdeorras” afirma a cabeza de lista do BNG por Ourense.

En opinión de Presas, “toda persoa que queira a esta comarca pode confiar en nós porque nos deixaremos a pel, como até o de agora, para favorecer que as cousas cambien de verdade e en positivo”. Segundo explica a cabeza de lista do BNG, Ourense está “nun momento histórico para rematar co bipartidismo PP-PSOE, conseguindo que, por primeira vez, haxa unha representante do BNG elixida por esta circunscrición”.

Rematar coa discriminación e defender os intereses de Valdeorras

Pola súa parte, a alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert, puxo en valor o traballo do único deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego levando decenas de iniciativas na defensa dos intereses da comarca de Valdeorras e, nomeadamente, da Rúa. Pola contra, os deputados e deputadas ourensáns, de PP e PSOE, non as apoiaron. “Terán que explicar por que se negaron, por exemplo, a rehabilitar o firme da N-120 e mellorar así a seguridade viaria. Ou por que non apoiaron incorporar partidas orzamentarias suficientes para levar a cabo a A-76” subliña Albert.

Así mesmo, a alcaldesa lembra o proxecto de saneamento do regato Pereanes e dos ríos Casoio e Sil xa que, a día de hoxe, se atopan altamente contaminados polos residuos das canteiras de lousa. “É necesario un plan integral de saneamento que devolva ás augas do río a calidade que non deberon perder. Iremos a Madrid para exixir á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que atenda estas cuestións centrais para o medio ambiente” finda María González Albert.