O Carballiño vivirá mañá, domingo día 29 de marzo, un dos actos centrais da Semana Santa, coa celebración da procesión litúrxica de Ramos, que partirá ás 11,15 horas dende o templo parroquial da Veracruz. Un evento no que, por primeira vez, fregueses e visitantes camiñarán por unha alfombra floral que elaborará na praza da Veracruz pola Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, que foi convidada pola Confraría da Vera Cruz tra-la declaración da Semana Santa do Carballiño como Festa de Interese Turístico de Galicia.
O deseño da alfombra estará inspirado no propio templo da Veracruz e confeccionada íntegramente con elementos naturais: verde de túa e eucalipto; marrón de semente de acedera; vermello de caraveis; alén de pétalos de pampullo deshidratados e outras materias vexetais, mentres que para o trazado do debuxo empregaranse sementes de eucalipto e corazón de millo cortado en toros.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Os grupos de catequesis da Parroquia de San Cibrao serán os principais protagonistas da comitiva desta procesión do Domingo de Ramos, que percorrerá as rúas Evaristo Vaamonde, Teresa Miras Portugal, Curros Enríquez e Antonio Palacios antes de regresar o punto de partida, nun itinerario que acompañará a banda de guerra da Brigada Lixeira Aerotransportable (BRILAT) ‘Galicia VII’.
No mesmo adro da Veracruz terá lugar a bendición de ramos e palmas, antes do oficio da misa solemne, que contará coa interpretación musical da Coral Polifónica Casino do Carballiño, dirixida por Xaime González Pichel.

















