O grupo socialista denuncia que a Xunta é a administración autonómica que máis contrata “a dedo” de España

Pablo Arangüena engade que a Deputación de Ourense tamén é o ente provincial que máis contrata a dedo do Estado, “por enriba mesmo do goberno galego”

O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, alertou hoxe que a Xunta de Galicia é actualmente a administración autonómica que máis contrata “a dedo” do Estado. Así o dixo no debate dunha interpelación na que denunciou a falla de transparencia do goberno galego, que leva 3 anos de atraso no cumprimento na súa obriga de publicar os contratos públicos da administración autonómica.

AVANTAR ACTIVIDADES

Arangüena denunciou que o goberno galego adxudica máis de 4 de cada 10 euros mediante contratación directa, “con contratos menores, sen concorrencia”, e cun nivel de publicidade “total e absolutamente insuficiente”. Sinalou que esta modalidade, pensada para ser excepcional, convértese “en norma” no goberno galego, que prioriza unha modalidade de contratación “que non permite a libre concorrencia e é un campo potencial para o favoritismo e a corrupción”.

Explicou que os contratos menores representan o 41,3 por cento do total, e sumando o 6,25 por cento mediante procedemento negociado, resulta que o 47,5 por cento dos contratos da Xunta “danse a dedo, segundo os seus propios datos”. Advertiu que este tipo de contratación “son a priori un territorio potencialmente propicio para a corrupción, que abre a porta a favorecer aos amigos en detrimento do interese xeral”.

Esta mesma práctica, dixo, é replicada na Deputación de Ourense, presidida polo “popular” Baltar, que “outorga a dedo o 80 pro cento deses contratos”, o que a converte na administración provincial que máis recorre a esta modalidade, incluso por riba do goberno galego. “Casualmente –engadiu Arangüena- cases sempre a empresas vencelladas ao PP, igual que outorga a dedo máis do 80 por cento das subvencións, case sempre a concellos do PP”.

O responsable socialista aludiu así ao “demoledor informe do Consello de Contas” correspondente ao ano 2021, que “pon de manifesto uns datos que tal vez sexan normais en Rusia, pero que é impropio dunha administración pública española no século XXI”. Alertou de que a fiscalización de Contas “permite a calquera persoa razoable inferir que na Deputación de Ourense estase a producir un saqueo sistemático dos recursos públicos”.

Transparencia

Pablo Arangüena denunciou ademais que o goberno galego incumpre sistematicamente a Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, que obriga a publicar datos estatísticos dos contratos segundo o seu tipo. O responsable socialista alertou de que “estes datos figuran ata o ano 2018, pero a 25 de xaneiro de 2022 non figuran os datos correspondentes aos anos 2019 e 2020”.

Lamentou que o goberno galego “saca moi mala nota nas asignaturas de transparencia e de cumprimento da lei, rebaixando a calidade da nosa democracia e, salvando as distancias, seguen a estela dos Vladímir Putin do mundo”. Con esta práctica “incumpren a obriga legal, rompendo cos principios de transparencia e de legalidade que son piares fundamentais da nosa democracia” cando “é soamente unha cuestión de vontade política”.