O PSdeG-PSOE de Beade impulsou, a través dun movemento reivindicativo, na sesión plenaria extraordinaria do Concello, o pasado martes, o arranxo do alumeado público en varios puntos de diferentes parroquias do municipio, que levaban tres meses con graves deficiencias e coa veciñanza “as escuras” nas rúas pola “neglixencia e incompetencia” do rexedor do Partido Popular, Senén Pousa. Os socialistas acusan ao rexedor de “facer oídos xordos as reclamacións da oposición e da veciñanza” e cúlpano de “cambiar aos plenos ao seu entoxo, co fin de anular a quenda de rogos e preguntas e que a oposición non poida reivindicar solucións para os problemas da veciñanza”. As reivindicacións socialistas do martes, tiveron efecto e o mércores pola noite o alumeado público xa funcionaba.
O Grupo Municipal Socialista explica que antes da sesión plenaria, un dos concelleiros do grupo de goberno conformado polo PP, Adrián Formigo, criticaba diante dos concelleiros e concelleiras socialistas a falta de luz no alumeado público. Para sorpresa dos socialistas, ao chegar a sesión plenaria decidiu protestar por unha situación que consideraban “inadmisible”, pero lonxe de sumarse, Formigo optou por quedar calado, “namentres o alcalde ignoraba o tema por completo”.
Ante a negativa a debater o problema no alumeado público por parte do rexedor de Beade, os socialistas decidiron saír ao balcón do consistorio para reivindicar diante da veciñanza a necesidade de arranxar este problema. Os socialistas denuncian que “o alcalde ignorou por completo as reivindicacións e rematou o pleno e marchou coma se nada”. Os socialistas reclamaban que se arranxase a luz nunha das arterias principais do municipio, no Outeiro, na capela de San Roque ou na igrexa parroquial, entre outros puntos que non tiñan luz pública funcionando pola noite.
Os socialistas tamén denuncian que a ausencia de alumeado público pode xerar uns problemas engadidos por mor de que “inutiliza” a alarma da igrexa parroquial, o que en palabras do PSdeG de Beade “supón un risco de vandalismo e posibles roubos na mesma e que poden afectar ao patrimonio artístico do municipio.
Para a concelleira socialista, Carmen Rama Cotelo, “é unha gran nova que xa teñamos luz, o que demostra que as reivindicacións e a loita diaria do noso grupo municipal ao fin da os seus froitos”. A concelleira do PSdeG-PSOE aproveita, iso si, para subliñar que a veciñanza de Beade “non pode seguir soportando a un rexedor que mira para outro lado, mentres eles sofren as consecuencias da súa incompetencia e falta de solucións aos problemas cotiás”.
Para Rama Cotelo “é indignante” que a veciñanza estivese tres meses con graves problemas no subministro eléctrico e que o alcalde “só mova ficha cando o PSOE acude aos plenos a reclamar por activa e pasiva solucións”. Tamén critica que o rexedor opte por “plenos a medida”, nos que trata de evitar os rogos e preguntas “para tapar a súa pésima xestión e facer un exercicio antidemocrático propio do franquismo, que tanto admira”. “A última das artimañas de Senén Pousa para non ter que responder a oposición foi convocar un pleno extraordinario e anular o ordinario que correspondía a marzo”, sentenza.
Unha situación a da anulación dos rogos e preguntas que non é nova. No derradeiro pleno do 2020 en Beade, celebrado o 26 de novembro, o alcalde non deixou facer intervencións aos socialistas, que quería reivindicar o día 25 de novembro, ante a negativa do alcalde que “respondeu que non estaba para escoitar tonterías”. Unha situación a que se asuma agora o cambio do pleno ordinario por extraordinario, no que non permitiu preguntas e que segundo expresan os socialistas “amosa a postura antidemocrática do rexedor e do seu grupo de goberno, que secunda todas as súas decisións, aínda que vaian en contra da veciñanza de Beade”.
PUBLICIDADE