Máis de 250 ciclistas participarán na Merca na décima edición da Parroira Bike

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A proba, que conta coa colaboración da Deputación, celebrarase o domingo 23 de outubro cun percorrido de 42 quilómetros por A Merca e concellos limítrofes

Ourense, 14 de outubro de 2022.- A Merca prepárase para acoller o domingo 23 de outubro a décima edición da proba ciclista Parroira Bike “A Clásica”, cunha participación de máis de 250 ciclistas e un percorrido de 42 quilómetros por camiños da Merca e concellos limítrofes. A proba está organizada pola asociación deportiva Ovala2 coa colaboración da Deputación, Concello da Merca e Xunta de Galicia.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación da Parroira Bike coa presencia do vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o concelleiro de Deportes de A Merca, José Manuel Taín; e o secretario e o vogal da Asociación Deportiva Ovala2, José Ribo e Alberto Taín. 

Rosendo Fernández valorou a consolidación dunha proba que aglutina “deporte e natureza”, converténdose nun “referente deportivo e unha excelente oportunidade para promocionar o noso patrimonio natural”. O vicepresidente primeiro reivindicou a aposta da Deputación polo ciclismo, “unha ferramenta dinamizadora vital para o noso territorio”. 

Dende a organización da proba, Alberto Taín e José Ribo sinalaron coma a gran peculiaridade desta edición aproveitar os dous roteiros de sendeirismo da Merca -Broa e Mezquita-, uníndoas no trazado da proba “para dar a coñecer o noso patrimonio”, ofrecendo unha Parroira Bike de dificultade “media-alta pero accesible a todos os afeccionados”. 

Pola súa banda, Manuel Pérez felicitou a todo o equipo da Parroira Bike por unha “proba consolidada, referente e que demostra a importancia da cooperación entre administracións”. Unhas felicitacións ás que se sumou o concelleiro José Manuel Taín, que agradeceu a organización dunha proba “que axuda a seguir poñendo A Merca no mapa, dando a coñecer o fermoso patrimonio material e inmaterial deste concello”. 

Percorrido da décima edición da Parroira Bike

A proba, con saída -prevista para as 09,00 horas do domingo 23 de outubro- e chegada no polideportivo de A Merca, suma un percorrido de 42 quilómetros e un acumulado de 1.450 metros positivos, cunha dificultade media alta, pasando polos sendeiros e camiños reais dos montes de A Merca, Proente, Rubillós, A Mezquita, Entrambosríos, Olás, A Rebola, A Parroira, Ponte Ermida, Covas e polos concellos da Bola e Allariz. 

Como novidade, dende a organización da proba explican que na décima edición da Parroira Bike 2022 unifícanse os dous lados (norte e sur) nos que o río Arnoia separa o concello da Merca: os dous trazados das rutas de sendeirismo da Broa (sur) e da Mezquita (norte) son enlazados para a práctica do ciclismo de montaña, facendo paso polos lugares mais turísticos da Merca: A igrexa da San Pedro da Mezquita, o Canle do Ruca e un dos conxuntos históricos-artísticos de canastros máis grandes e mellor conservados de toda a Península Ibérica.