A D.O. Monterrei e Expourense consolidan once anos de colaboración para impulsar a promoción internacional dos viños desta comarca vitivinícola

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Consello Regulador do Denominación de Orixe Monterrei e Expourense renovaron por undécimo ano consecutivo o convenio de colaboración que permite promocionar os viños da denominación en todas as feiras, eventos e accións internacionais organizadas polo recinto feiral durante 2026, especialmente no marco da cooperación con Portugal. A firma deste convenio, que tivo lugar esta mañá na sede do Consello Regulador situada en Verín, correu a cargo do presidente do D.Ou. Monterrei, Manuel Vázquez Losada, e do director xerente da Fundación Expourense, Rogelio Martínez.

O D.O. Monterrei é entidade colaboradora da Fundación desde o ano 2015 e contempla a participación de Monterrei nas distintas accións promocionais que Expourense realiza ao longo do ano en virtude dos distintos convenios de cooperación transfronteiriza que a Fundación mantén con distintas entidades da Eurorrexión. Este acordo permite que a imaxe do D.O. Monterrei chegue cada ano a miles de visitantes profesionais e público xeneral (máis de 110.000 visitas de 33 países en 2025) que participan nos certames organizados por Expourense, reforzando o posicionamento dos viños da denominación como un dos principais referentes vitivinícolas de Galicia. A Denominación de Orixe abarca 30 adegas repartidas polos municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra, Castrelo do Val, Laza e Cualedro, cun total de 852 hectáreas de viñedo nas que traballan 397 viticultores.

O Consello Regulador participará de forma directa en Xantar, o 27º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 19 e o 22 de novembro. Este Consello Regulador participará no Túnel do Viño, unha área na que se presenta aos visitantes a calidade e as variedades autóctonas galegas. Ademais, os viños de Monterrei maridarán os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia, dentro dos showcookings de Xantar, e organizarán unha cata comentada.

A colaboración tamén permite seguir apoiando a presenza dos viños de Monterrei en accións de promoción exterior, especialmente en Portugal, un dos mercados prioritarios para ambas as entidades, así como en futuras misións comerciais e encontros profesionais. No marco deste acordo, os viños de Monterrei acompañan cada ano a Expourense durante a súa participación na feira Agro de Braga, un dos eventos máis importantes do sector agroalimentario de Portugal.

Alén desta presenza directa, a promoción dos viños de Monterrei está presente en todas as feiras e eventos deportivos do calendario de Expourense a través da proxección de vídeos corporativos na pantalla xigante do pavillón do recinto e da permanente presenza do módulo corporativo do Consello.

Rogelio Martínez agradeceu ao Consello Regulador a súa fidelidade como colaborador fixo de Expourense e lembrou que a firma deste convenio demostra como as entidades da provincia de Ourense confían no recinto feiral para dar a coñecer os seus produtos e servizos neste espazo de cooperación público-privada. Indicou ademais que “a continua renovación deste acordo permite ademais identificar novas oportunidades de colaboración en accións de promoción enoturística e gastronómica vinculadas o turismo de calidade e ao desenvolvemento económico do noso territorio”.

Pola súa banda, Manuel Vázquez destacou que “Expourense é un bo escaparate para potenciar a imaxe de marca do D.Ou. Monterrei, e dar a coñecer os viños que se elaboran no territorio tanto no mercado nacional como no internacional”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------