O festival ‘Ribadavia Máxica’ contempla para mañá, venres día 3, uns obradoiros para público infantil, a maxia familiar con Joshua Kenneth e a Gala Talento Máxico, que reunirá a novos talentos do ilusionismo. A xornada pecharase coa Maxia Golfa dos Magos de Garda.
O primeiro obradoiro, para ‘bruxos e meigas’ terá lugar na Igrexa da Madalena de 10,30 a 12,00 horas, e está aberto á participación de público infantil de 5 a 12 anos de idade. Na mesma ubicación, pero ás 12,30 horas, será a quenda de Joshua Kenneth e o seu “Maravijoshua”, para tódolos públicos.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A Casa da Cultura acollerá, dende as 18,00 horas, a gala ‘Talento Máxico’, tamén para o público en xeral e con entradas ao prezo de 5 euros. A xornada rematará no Bar MEU con “Maxia golfa: magos de garda” a partir das 21,00 horas e con entrada libre e gratuíta.
O sábado 4 terá lugar unha intensa xornada con experiencias máxicas ambientadas, a Gran Gala de Maxia na Casa da Cultura —un dos pratos fortes do festival— e sesións de maxia golfa ademais das experiencias máxicas de Ollivanders en diferentes quendas durante todo o día na Igrexa da Madalena. Pola súa banda, o domingo 5 pechará o evento con novas experiencias máxicas, actividades gastronómicas como o “cocido máxico” e unha conferencia especializada a cargo do mago Carlos Rubio.

















