O Centro Sociocomunitario oferta en abril un programa de obradoiros de tecnoloxía, benestar e arte

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Dende o Centro Sociocomunitario do Carballiño reforzan a programación cunha nova oferta de obradoiros de tecnoloxía, benestar e arte, unha vez pasada a Semana Santa, poñendo en marcha tres novas actividades. A primeira, e co obxectivo de fomentar un uso seguro das ferramentas dixitais, a dirección da entidade ofrecerá un curso gratuíto de “Seguridade na rede”. Os participantes aprenderán pautas de protección tanto en equipos informáticos como en dispositivos móbiles. As sesións impartiranse os martes e xoves pola tarde e correrán a cargo de monitores da Fundación Cibervoluntarios.

O programa continuará o luns 22 de abril, pola tarde, contando de novo coa presenza de Damián Cairo, recoñecido docente do Conservatorio da Coruña, coach e terapeuta emocional. Cairo, que xa deixou unha fonda pegada de éxito en anteriores colaboracións no centro, regresa para impartir un obradoiro gratuíto de Musicoterapia da Escola Galega de Saúde. Nesta ocasión, o enfoque será profundamente humano: utilizarase a música como unha ferramenta terapéutica para facer fronte ó duelo e a soidade non desexada. O obxectivo é ofrecer un espazo de apoio e acompañamento para unha parte importante da poboación que pode atopar na expresión
musical unha vía de alivio e conexión emocional.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Como proposta novidosa, o venres 24 de abril teremos pola mañá un obradoiro de Arte Creativa, que impartirá Liana Liy Orozco de Embarrarte. Os participantes poderánse iniciar na cerámica realizando eles mesmos un obxecto. Esta actividade require unha achega de tan só 5 euros.

Dende a dirección do Centro Sociocomunitario do Carballiño lémbrase que para todas as actividades é necesaria a inscrición previa e presencial nas oficinas da entidade, e engádese que “continumos deseñando novas accións formativas e de lecer para os vindeiros
meses, das cales iremos dando conta proximamente”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------