Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Ourense esclareceron un conato de incendio forestal rexistrado o 24 de marzo no concello de Entrimo e outro do 28 de marzo no municipio de Maside.
No caso de Entrimo, rexistrouse no lugar da Illa e afectou 0,02 hectáreas de superficie rasa. Tras unha inspección ocular, os axentes determinaron que o lume foi orixinado por mor dunha queima sen a salvagarda das debidas medidas de seguridade necesarias. Na extinción participaron un axente forestal e unha brigada. As dilixencias por estes feitos foron remitidas á Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Bande.
Pola súa parte, o conato de Maside afectou 0,01 hectáreas de superficie rasa no núcleo do Trevoedo logo de orixinarse tamén nunha queima feita sen a salvagarda das debidas medidas de seguridade. Ademais, nese momento as queimas atopábanse suspendidas. A extinción do lume contou coa participación dun axente forestal, unha brigada e unha motobomba. As dilixencias por estes feitos foron remitidas á Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia do Carballiño.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Os axentes da UPA identificaron en ambos os casos unha persoa como presunta responsable do lume. No que vai de campaña, a UPA leva cinco persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.
Suspensión temporal das queimas particulares
Cómpre lembrar que actualmente, e como medida preventiva, as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia están suspendidas temporalmente e ata novo aviso. A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.









