O Xeodestino Ribeiro-Carballiño celebrou esta pasada fin de semana no Laias Caldaria Hotel Balneario, en Cenlle, a presentación dun novo proxecto dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD). O proxecto REDAR contempla coma obxectivo a recuperación da arquitectura histórica vencellada á Denominación de Orixe Riberio e á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea e a outros produtos gastronómicos de ambas comarcas.
A presentación deste proxecto correu a cargo da arquitecta Paula Feijoo e do historiador Alfonso Monxardín, quen estiveron acompañados polo presidente do Xeodestino, Francisco Fernández, así como dunha importante representación de alcaldes, concelleiros e técnicos pertencentes a este territorio, así como veciños e veciñas que colaboran no rescate destes elementos tan ligados a esencia desta terra. De feito, a colaboración da veciñanza foi fundamental para esta primeira labor de catalogación e rescate, como explicou Francisco Fernández, quen agradeceu aos cidadáns “a súa importante colaboración desinteresada en busca de elementos de arquitectura histórica esquecida, que son esenciais para a historia e a cultura desta comarca e que merecen ser rescatados”.
Tanto a arquitecta como o historiador teñen percorrido este territorio na procura de diferentes exemplos de arquitectura histórica, algúns consistentes en simples vestixios como lagares, adegas, fornos de pan de Cea e outros máis complexos como hórreos. Moitos destes vestixios estaban agochados debaixo de maleza. Por iso, a colaboración da veciñanza foi tan necesaria, como por exemplo, a de Manuel Fernández, presente neste acto, quen mostrou antigos lagares na localidade de San Vicente en Arnoia, “algún sen tellado e medio destruídos, pero que aínda conservan os elementos básicos”, como explicaron os profesionais, quen destacaron “o gran compoñente etnolóxico, pois toda esta arquitectura sofre influencias como a da propia perda demográfica”.
Este proxecto, ademais das propias fichas do catálogo dos elementos, recolle a posibilidade dunha futura sinalización adecuada dos diferentes elementos, así como a súa restauración e protección. Todo isto en aras da revalorización da contorna do Ribeiro-O Carballiño. De maneira que estas fichas estarán abertas a futuros traballos, como poden ser puntos de interese turístico próximos a estes elementos para nun futuro próximo crear novas rutas que inclúan os elementos e os puntos de interese turístico.




OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
















