Aspadisi propón risas no seu “Romeo e Xulieta”, que representarán mañá no Auditorio do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un equipo artístico, técnico e musical integrado por un total de 16 persoas da Asociación de Discapacitados Intelectuais do Carballiño e O Ribeiro (Aspadisi) é o responsable da posta en escena de “Romeo e Xulieta”, unha adaptación libre da famosa traxedia de William Shakespeare. Unha montaxe que estrearán mañá, venres día 17, ás 18,00 horas, no Auditorio Manuel María da vila do Arenteiro, con entrada de balde.

A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe na Casa Consistorial, coa presenza de parte do elenco e asistentes técnicos, o seu codirector, Chicho Carballido, e o concelleiro de Cultura, Diego Fernández. Faltou á cita por motivos laborais o outro codirector, Ricardo Paz, coordinador do equipo de audiovisuais do IES Chamoso Lamas, que prestou a súa colaboración na posta en marcha deste proxecto teatral.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Chicho Carballido apuntou que “convertemos a traxedia de Shakespeare nunha comedia, porque é mellor rir cá chorar, nunha adaptación bastante libre”. Engadíu que “foron eles mesmos (Aspadisi) os que quixeron facer unha representación teatral, e sorprendéronme a ilusión e a fantasía coa que traballaron tanto en ideas como en xestos”.

A obra mestura imaxe co concepto clásico de representación teatral, e é froito de moito tempo de traballo no que os compoñentes da compañía foron reescribindo o texto orixinal e engadindo algunha que outra sorpresa, ata que xa empezaron a fase de ensaios. Unha parte da obra está grabada en localizacións da nosa contorna, que se van integrando no transcurso da representación.

Todo o equipo técnico está integrado por membros de Aspadisi (luces, son, música en directo, vestiario e maquillaxe, …) contando coa impagable (porque nunca lle pagan) colaboración de Uxío, de Inforsonic, que coma sempre os sacou dalgúns apuros e un par de calexóns sen saída.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------