A Banda de Gaitas e Danzas do Irixo celebra o seu 50º aniversario o vindeiro 2 de maio cun festival no Auditorio Manuel María do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Banda de Gaitas e Danzas do Irixo conmemora este ano o seu 50 aniversario, un fito que celebrará cun gran festival tras cinco décadas de compromiso ininterrompido coa cultura tradicional. O que hoxe é unha formación consolidada naceu en 1976 como un movemento de reivindicación social e cultural nun contexto de emigración e defensa da identidade.

Unha orixe ligada á terra e ao compromiso

As raíces da banda remóntanse a 1973, coa creación da Sociedade Cultural e Deportiva “O Testeiro”. Nun momento marcado polo subdesenvolvemento e a partida de moitas familias cara a Europa e América, os seus promotores organizaron en 1976 a histórica “Homenaxe ó Emigrante Galego” na Feira do Quince do Tellado. O interese espertado polas danzas tradicionais representadas na obra de teatro “Soño de Noiteboa” foi o xermolo do “Grupo Folclórico de O Irixo”, fundado ese mesmo ano baixo a dirección de María do Carme Villaverde García.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Naquelas primeiras etapas, a agrupación chegou a contar con 92 alumnos e alumnas, centrando os seus esforzos en recuperar traxes e pezas tradicionais que se bailaban nas bulladas e fiadeiros dos anos 30, montando bailes como a “Danza dos foles” ou o “Baile dos vellos”.

Dúas décadas de proxección internacional

Tras pasar por diversas etapas, a banda viviu a súa época de maior esplendor nos anos 90. Durante este período, a agrupación levou o nome do Irixo a escenarios de Arxentina, Francia e Suíza, onde representou a España no Festival Internacional de Folclore. Tamén destacou na competición, acadando o segundo posto na segunda división da Liga Galega de Bandas de Gaitas.

Rexurdimento e presente: a Asociación de Gaiteiros do Irixo

Despois dun período de menor actividade, o ano 2017 marcou un punto de inflexión cando os últimos cinco compoñentes da agrupación decidiron coller as rendas. Dende entón, a escola non deixou de medrar, consolidándose como unha das entidades culturais máis numerosas e vibrantes non só do concello, senón neste momento o principal referente de toda a comarca. Con máis de 60 compoñentes, está dirixida por Álvaro Penedo (mestre de gaita e director da escola), Sela Taboada (mestra de gaita), Miguel Fernández (mestre de percusión), Carlos Taboada (mestre de percusión), Lucía Penedo (mestra de timbal), Ismael Rodríguez (mestre de baile tradicional e canto) e Sara Fernández (mestra de baile tradicional e pandeireta).

Un festival para o reencontro

O vindeiro sábado 2 de maio, ás 19,00 horas no Auditorio Manuel María do Carballiño, celebrarase o ‘Concerto de Primavera’, o acto central co que se conmemorarán os 50 anos da Banda de Gaitas do Irixo. Ademais da propia agrupación, actuarán o prestixioso gaiteiro carballiñés Isidro Vidal, os grupos de baile da Coral de Ruada, o grupo Os Biruxes e o Coro Enharmonía.

No concerto poderase comprobar a elevada calidade artística da Banda do Irixo e servirá para homenaxear tamén a todas as persoas que, dende aquela primeira actuación no Tellado, contribuíron a manter viva a música tradicional no Irixo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------