Os GES reivindican unha reestruturación integral do servizo na provincia baixo a xestión directa da Deputación

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación dos Bombeiros dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal de Galicia (AGESGA) mantivo unha reunión co presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor, na que se trasladaron as reivindicacións do colectivo e a proposta de reestruturación integral do servizo GES na provincia. Durante o encontro, os representantes dos GES espuxeron un modelo que suporía un cambio estrutural profundo no sistema actual: a integración do servizo baixo xestión directa da Deputación, mediante unha rede de subparques coordinados cos parques do Consorcio Provincial.

Esta proposta —xa formalizada— pretende superar o actual modelo fragmentado de xestión municipal, avanzar cara un sistema profesionalizado e garantir unha resposta homoxénea en todo o territorio. Tal e como recolle o documento presentado, según os representantes dos grupos de emerxencias, o sistema actual presenta importantes deficiencias, como son a fragmentación organizativa; a dependencia dos concellos sede que non teñen capacidade de xestión de emerxencias e do persoal; a falta de integración real co sistema de emerxencias, e a desigualdade territorial na prestación do servizo. Fronte a isto, AGESGA proposto aposta por un modelo no que o servizo sexa único a nivel provincial; a coordinación efectiva co 112 e co PLADIGA; a eliminación de duplicidades e a mellora dos tempos de resposta e da cobertura rural.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente da Deputación manifestou que a proposta require un estudo máis profundo e, sobre todo, o visto bó da Xunta de Galicia no seu conxunto, sinalando que calquera avance deberá producirse no seo da comisión de seguimento, se ben recoñeceu a “bondade” do modelo, destacando que podería situar á provincia nun novo escenario cun servizo de emerxencias único, estruturado e vertebrado territorialmente. Comprometeuse neste senso coa AGESGA a velar polos incumprimentos detectados, e tamén a valorar a posibilidade de creación de unha bolsa de traballo a nivel provincial, á que poidan acollerse os concellos sede do GES para garantir a cobertura efectiva das baixas de larga duración ou vacantes; que nos últimos meses acarrean peches constantes en diversos GES.

Luis Menor salientou tamén a aposta da Deputación polos 12 GES existentes en Ourense, materializada nun incremento unilateral da financiación no ano 2025, e que elevou a achega provincial nuns 480.000 euros, comprometéndose a manteñer a mesma esta anualidade (2026). Dende AGESGA valorouse este esforzo económico, pero advertiuse con claridade que, sen control e fiscalización destes fondos, o incremento económico non garante unha mellora real do servizo; por iso, solicitouse expresamente á Deputación que supervise o destino dos recursos transferidos aos concellos sede, co obxectivo de asegurar que redunden efectivamente na mellora da operatividade e da calidade do servizo.

No ámbito das melloras operativas, volveuse incidir nas propostas formuladas na mesa de traballo dos incendios forestais. Entre elas, destacaba a implantación dunha aplicación informática que permitise integrar os parques GES cos parques do Consorcio Provincial, facilitando a coordinación en tempo real. Nembargantes, esta proposta foi rexeitada: O aplicativo en desenvolvemento será exclusivamente para o Consorcio Provincial, e os GES seguirán sen ferramentas de coordinación co Consorcio. Así é que, dende AGESGA a valoración é que non existen avances estruturais reais e o conflito está ás portas dunha folga indefinida en cuestión de semanas.

Dende AGESGA agradecese o diálogo mantido coas Deputacións de Lugo e Ourense, pero advertese con firmeza que a ausencia de avances obrigará a unha escalada do conflito a nivel autonómico nas vindeiras semanas, e anuncian a adopción de medidas moito máis contundentes que as realizadas ata o momento.

Neste sentido, convocan para o vindeiro xoves, 30 de abril, ás 12, 00 horas, unha mobilización diante da sede da Deputación de Ourense, na que xa prevén a participación de efectivos do Consorcio Provincial de Bombeiros en sinal de apoio.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------