O xurado do ‘XLI Premio Antón Losada Diéguez’ reuniuse na mañá de hoxe, ás 11,00 horas, na Casa do Concello de Boborás para deliberar e emitir o fallo da presente edición, conforme ao establecido nas bases do certame. O xurado estivo presidido pola alcaldesa de Boborás e Presidenta da Fundación Antón Losada Diéguez, Patricia Torres, e contou coa participación de representantes de distintas institucións culturais e académicas, entre elas a Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a Deputación de Ourense e o Concello do Carballiño. Actuou como secretario o do Concello de Boborás.
Tras o estudo e análise das obras presentadas, o xurado acordou por maioría conceder o premio na modalidade de creación literaria á obra “Son coma glaciares os barcos de aceiro”, da que é autora Cynthia Menéndez. O xurado destacou desta novela, publicada por Editorial Galaxia, “que se trata dunha narración de alento lírico e esteticamente innovadora que aborda a mobilización sindical no sector naval de Vigo nos anos noventa, un tema aínda pouco explorado na literatura galega”.

O xurado tamén decidíu por maioría a concesión do premio na modalidade de ensaio e investigación a “As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885–1936)”, unha obra de Carmen V. Valiña, tamén de Editorial Galaxia. Neste caso, o xurado valorou especialmente “a adopción dun estilo singular e fluído, próximo á narrativa de ficción, que permite ofrecer unha visión lúcida sobre o tratamento das mulleres no sanatorio de Conxo. A análise crítica do arquivo desta institución pon de relevo cuestións como a violencia machista, a maternidade, a disidencia social e a súa dimensión histórica”.

A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 13 de xuño no Pazo de Moldes (Boborás), casa natal do escritor Antón Losada Diéguez. O Premio Antón Losada Diéguez, cunha dotación económica de 6.000 euros por modalidade, está convocado polos concellos de Boborás e O Carballiño, coa colaboración da Deputación de Ourense, e constitúe un dos galardóns de referencia no ámbito das letras galegas.
Dende a organización quérese trasladar o parabén ás autoras premiadas, así como agradecer o traballo do xurado e destacar o alto nivel das obras presentadas nesta edición.
















