O auditorio do Museo do Papel do Carballiño, á beira do río Arenteiro, acolleu o acto de presentación dos avances rexistrados no proxecto “Sabedoras: Cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro-Carballiño”, organizado polo Xeodestino Ribeiro-O Carballiño no marco do seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD). Alí déronse cita un número importante das cociñeiras da comarca que se atopan integradas neste programa e representantes dos 60 establecementos hostaleiros que veñen de incorporar nas súas cartas as receitas de cociña.

O presidente do Xeodestino, Francisco Fernández, foi o encargado de introducir o acto, no que estivo acompañado polo alcalde en funcións do Carballiño, José Castro, e os concelleiros de Turismo e Seguridade, Manuel Dacal e Alberto Otero, e a concelleira de Benestar Comunitario, Rosa Fuentes; o alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, e a edil de Cultura de Boborás, Rosa Pérez.
Tra-las intervencións de benvida por parte de José Castro, e do historiador Xavier Castro e o antropólogo Xoel Méndez, autores do proxecto, as autoridades procederon a entrega dos diplomas acreditativos de ‘sabedoras’ a propietarias e cociñeiras de diferentes restaurantes do Carballiño e a comarca, como é o caso da pulpeira Aurora Baranda, e representantes dos establecementos carballiñeses O Xardín, Fuchela ou Ernesto Patio Bar, entre outros; Lembranza Orixe, de San Amaro; Os Pitelos, de Maside, ou Abanico, do Irixo.
Uns restaurantes e mesóns recibiron o seu distintivo, que colocarán no exterior dos seus locais, e que identifica a éstes ao incorporar unha ou varias destas receitas tradicionais das ‘Sabedoras’ ás súas cartas, de xeito que, en cada mesa, terán á disposición dos seus clientes un QR que transportará a estes ao través do teléfono móbil ao libro de receitas e un vídeo para poder elixir a que consideren máis axeitada ao seu gusto.
Ao remate do acto celebrado no Museo do Papel, os asistentes tiveron a oportunidade de degustar varias tapas elaboradas con receitas elaboradas polas propias ‘sabedoras’.
















