O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa revitalización comercial das contornas dos cascos históricos con iniciativas pioneiras como o proxecto ‘Vilas Vivas’, que se está a desenvolver de xeito piloto en Ribadavia. González explicou que esta actuación —enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia— se centra na recuperación de locais en desuso e na súa posta a disposición de comerciantes e artesáns co obxectivo de dinamizar vilas senlleiras con potencial turístico e cunha produción local enraizada no territorio, co obxectivo de estender no futuro a experiencia a outras localidades galegas de similares características.
No caso de Ribadavia, prevése chegar a 15 locais en funcionamento este ano, combinando así a protección do patrimonio co impulso da actividade comercial e a xeración de novas oportunidades de emprendemento, en sinerxía con outros atractivos do municipio, coma foi o caso recente da celebración da Feira do Viño do Ribeiro, na que se promoveu a ‘Feira de Artesanía de Galicia’ cun total de 16 postos de exposición e venda de produtos e complementos elaborados de xeito artesanal.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O conselleiro, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na inauguración, en Santiago de Compostela, das xornadas organizadas pola Confederación Española de Cascos Históricos (Cocahi) co gallo do Día Internacional dos Cascos Históricos, onde puxo en valor o traballo fundamental que desenvolve esta entidade a nivel estatal, cuxa presidencia ostenta Compostela Monumental, así como o papel dos cascos históricos como espazos estratéxicos para a dinamización económica, social e patrimonial, nos que o comercio de proximidade —remarcou— resulta esencial para garantir a súa vitalidade e actividade.
José González enmarcou estas actuacións no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que mobilizará 320 millóns de euros a través de máis de 70 medidas orientadas á modernización do sector, ao reforzo do comercio local e á revitalización dos cascos históricos como espazos vivos e competitivos. Entre as actuacións destacadas—ademais das dirixidas aos centros comerciais abertos, con 2,5 M€ este ano—, atópase o impulso á rede de Mercados Excelentes, a dixitalización e modernización do sector ou a nova edición dos Bonos Activa Comercio, que se reeditarán en 2026 con 5 millóns de euros.

















