Concertos, obradoiros e exhibicións integran a programación da terceira edición do Festival de Percusión “O Carballiño soa!”, que terá lugar na vila do Arenteiro os vindeiros 15 e 16 de maio baixo a organización do Conservatorio Profesional e a Escola Municipal de Música (CMUS) do Carballiño, coa colaboración e patrocinio de diversas casas comerciais.
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe a presentación do evento, coa presenza da concelleira de Educación, Lorena Castro; a directora do CMUS, Celia Salceda, e un dos profesores de percusión deste centro de ensino, Rubén Comesaña. A concelleira salientou que ésta “é unha cita importante para a música, con concertos, obradoiros, pasarrúas e batucadas”, e agradeceu o apoio ás empresas patrocinadoras.
Pola súa banda, Rubén Comesaña adiantou que o venres, 15 de maio, ás 20,00 horas, celebrarase un concerto de percusión no Auditorio Manuel María, “no que participarán agrupacións dos conservatorios e escolas de música de Verín, O Rosal, Valladares e Cambados, ademais do anfitrión do Carballiño”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Xa o sábado, día 16, está previsto un obradoiro de ritmo e expresión corporal, que correrá a cargo de Catherine Díaz e Miguel Moreno, da Asociación Mudarte, e que terá como aula a Pista Roxa da Praza do Emigrante dende as 11,00 horas, e, ao seu remate, os grupos realizarán un pasarrúas polo casco urbano da vila. O programa contempla para o mesmo sábado unha exhibición de batucada na Praza Maior, ás 18,00 horas, e na que intervendrán os grupos Percucar, Batucarba, Os PerQtores, Axe Bahia e Vilatuke, finalizando a xornada ás 20,00 horas cun concerto de The Crowd.
Comesaña cifrou en preto de 200 os percusionistas que se darán cita neste “III Festival O Carballiño Soa”, cuxas actividades son totalmente abertas ao público e gratuítas.
















