- Eladio Santos tamén lembrou aos comerciantes vencellados co sector da cultura que deben adherirse a esta iniciativa, coa finalidade de incentivar as compras nos establecementos da provincia
- Cunha partida de 210 millóns de euros, recollida nos Presupostos Xerais do Estado, máis de 500.000 mozos de toda España poderán beneficiarse destas axudas
Ourense, 30 de setembro de 2024. – O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acudiu esta mañá á Librería Tanco da capital das Burgas para dar a coñecer entre os mozos ourensáns que en 2024 cumpren 18 anos o Bono Cultural Xove, posto en marcha polo Ministerio de Cultura, que prorrogou o prazo de presentación de solicitudes ata o 31 de outubro.
Eladio Santos lembrou que esta iniciativa estatal permite que estes rapaces reciban 400 euros, que poden empregar ata final de ano para adquirir e desfrutar de produtos e actividades culturais, como ópera, teatro, cine, museos, libros, prensa, concertos, música, películas e series online, videoxogos… “Hai 40 establecementos adheridos na provincia, 24 na capital, e isto facilita á mocidade, por exemplo, que poida adquirir gratuitamente os libros de lectura que debe empregar no Bacharelato ou nos estudos que estea realizando. O obxectivo é que os rapaces teñan acceso á cultura e, para iso, só teñen que descargar unha aplicación no seu móbil”, explicou.
Ademais, o subdelegado tamén se dirixiu aos comerciantes ourensáns. “Animamos a todos os establecementos que teñen que ver co sector da música, a cultura e a creación artística a que se adhiran a este proxecto, se aínda non o fixeron, porque o obxectivo é incentivar as compras nos establecementos da provincia”, insistiu.
Pola súa banda, o xerente de Librería Tanco, José Ramón Martínez, amosouse moi satisfeito pola repercusión que esta iniciativa ten no sector. “Nós notámolo bastante, polo que os libreiros estamos moi agradecidos a esta iniciativa. Unha, polo ben da cultura; e, outra, polo ben das librarías, xa que nos da un respiro económico. Ademais, sempre se gañan novos clientes”, asegurou.
Cunha partida de 210 millóns de euros, recollida nos Presupostos Xerais do Estado, máis de 500.000 mozos de toda España poderán beneficiarse destas axudas.