Luis Menor trasladou a disposición da Deputación para colaborar co Centro Galego radicado en Santo Domingo e facilitar así contactos que permitan ás empresas ourensás analizar posibles implantacións ou alianzas no país caribeño, abrindo así novas oportunidades de negocio
Ourense, 08 de maio de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu hoxe ao presidente do Centro Galego da República Dominicana, Antonio Sánchez, acompañado por Jesús Suárez Conde, nun encontro no que se puxo en valor o papel da colectividade galega no exterior como ponte de relación económica e cultural.
Durante a reunión, o presidente do Centro explicou a situación da colonia española no país, con especial atención á galega, que conta con arredor de 3.000 persoas, das que aproximadamente un 10 % (uns 300) teñen orixe ourensá. Segundo trasladou, trátase na súa maioría de empresarios e profesionais, o que reforza o potencial desta comunidade como motor de relacións económicas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O encontro serviu tamén para coñecer o labor do Centro Galego, centrado na preservación da cultura, da lingua e das tradicións galegas, así como na proxección da imaxe de Galicia no exterior. Neste sentido, ambas partes coincidiron en destacar a importancia de manter viva a identidade galega fóra do territorio.
Ademais do ámbito cultural, o presidente provincial subliñou o interese en explorar novas vías de colaboración empresarial, tendo en conta o contexto actual da República Dominicana, un país que ofrece oportunidades de desenvolvemento, estabilidade e seguridade xurídica para investimentos.
Neste marco, Luis Menor trasladou a disposición da Deputación para colaborar co Centro Galego e facilitar contactos que permitan ás empresas ourensás analizar posibles implantacións ou alianzas no país caribeño, abrindo así novas oportunidades de negocio.
O encontro enmárcase na estratexia da institución provincial de reforzar os vínculos coa Galicia exterior, entendida como un aliado clave para a proxección internacional da provincia, segundo explicou o presidente provincial.
















