A arte de Fernando Barreira eleva os Premios San Isidro 2026 nunha alianza inédita entre cultura e agro galego

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense presentou esta mañá a colaboración artística exclusiva do recoñecido pintor e escultor ourensán Fernando Barreira nos Premios San Isidro 2026, nunha edición que reforza a aposta da entidade pola unión entre innovación, territorio, cultura e identidade rural.

Durante a rolda de prensa, celebrada na sede colexial, o presidente do Colexio, Pepe Paz, destacou que San Isidro “é moito máis ca unha celebración institucional; é un punto de encontro para recoñecer o compromiso co rural, co futuro do sector agroalimentario e coa transformación sostible da provincia e de Galicia”.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Neste contexto, o Colexio anunciou unha das grandes novidades desta edición: a incorporación da arte contemporánea como elemento central dos galardóns, grazas á colaboración do artista Fernando Barreira, unha das figuras máis singulares e recoñecidas da creación galega actual.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


“Quixemos dar un paso máis e crear unha sinerxía entre o pragmatismo da enxeñaría e a liberdade da arte”, explicou Pepe Paz, quen agradeceu “a xenerosidade, entusiasmo e implicación” do artista ourensán.

Barreira elaborou de maneira exclusiva as pezas que distinguirán dous dos premios máis significativos desta edición: o recoñecemento á iniciativa ambiental do ano, que recaerá en Aceites Abril, e o premio ao mellor proxecto agroalimentario de 2025, vinculado á empresa é HORTOVERIN, S.L e ao traballo desenvolvido pola colexiada Monserrat Castro.

O presidente do Colexio puxo especialmente en valor o labor de Aceites Abril pola súa aposta pola recuperación do oliveiral tradicional galego, especialmente nas comarcas do Ribeiro e Ourense, así como pola innovación aplicada ao rural mediante proxectos de agricultura de precisión e sustentabilidade ambiental.

“Demostran que é posible crear riqueza, modernizar o rural e protexer o territorio desde unha visión intelixente e comprometida coa terra”, sinalou.

Pola súa banda, Fernando Barreira explicou o proceso creativo dunha colección artística profundamente ligada ao territorio, á tradición agrícola e á identidade galega. O artista apostou finalmente pola cerámica e os materiais terrosos ante a imposibilidade técnica de executar as pezas en bronce nos prazos dispoñibles.

“Parecíame necesario que a terra estivese presente. O barro negro, as cores minerais, os cestos, os mandís, a vendima… Todo forma parte da memoria do noso rural”, afirmou.

As obras incorporan elementos simbólicos vencellados ao agro galego, á transmisión do coñecemento tradicional e á renovación xeracional no campo. “Hai unha figura que representa esa nova xeración preparada, formada e con ambición de transformar o rural”, destacou o artista.

Barreira definiu esta colaboración como “un dos proxectos máis especiais” da súa carreira recente e reivindicou a arte “como unha maneira doce de arranxar a vida”.

A colaboración entre o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense e Fernando Barreira nace coa vocación de continuidade e consolídase como unha innovadora alianza entre creación artística e desenvolvemento territorial, convertendo os Premios San Isidro nun espazo onde tradición, innovación e cultura dialogan desde Ourense para o conxunto de Galicia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------