O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e do alcalde de Ribadavia, César Fernández, e membros da Corporación Municipal, comprobou hoxe as actuacións de ampliación e reforma levadas a cabo na planta baixa do centro deportivo municipal ‘O Consello’, que a Xunta apoiou con máis de 643.300 euros no marco das achegas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) para actuacións de carácter estratéxico.
César Fernández quixo aproveitar a ocasión para poñer en valor a colaboración institucional, que neste caso fixo posible a transformación total do polideportivo municipal. “Un concello como Ribadavia nunca podería asumir ou acometer unha reforma desta envergadura se non fose pola liña de proxectos estratéxicos da Xunta”, destacou. Fernández resaltou a reforma íntegra e a modernización do recinto, que pasa a ser “unha instalación de vangarda e unha das instalacións deportivas públicas máis importantes da provincia”. O rexedor local recordou que a renovación do CMD O Consello era un dos compromisos do goberno municipal, enmarcado na súa aposta polo deporte e os servizos públicos. “Os veciños e veciñas desfrutan xa dun espazo adaptado ás necesidades do século XXI”, engadiu.
Sobre as melloras levadas a cabo no centro deportivo de Ribadavia, Diego Calvo puxo en valor a importancia de dotar á veciñanza de instalacións deportivas axeitadas para fomentar o deporte entre a poboación e en todas as idades. Así, considera que este é un exemplo do compromiso da Xunta e tamén do concello coas infraestruturas deportivas municipais, xa que neste centro compiten e adestran clubs federados e alumnos de centros educativos de toda a comarca que participan no programa Xogade da Xunta. Ademais, o centro conta con espazos e material para que a veciñanza poida realizar actividade física. Polo tanto, trátase dunha reforma na que precisamente a súa repercusión transcende o ámbito municipal e ten impacto en toda a comarca.
As actuacións realizadas no pavillón municipal O Consello forman parte do proxecto de ampliación e reforma desta infraestrutura deportiva, cun investimento próximo aos 1,3 millóns de euros. O proxecto foi financiado coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da liña de axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL) destinada a actuacións estratéxicas en infraestruturas municipais, ademais da participación da Deputación de Ourense e do propio Concello de Ribadavia. As melloras executadas permitiron modernizar diferentes espazos do pavillón, tanto nas zonas deportivas como nas áreas comúns, mellorando a funcionalidade, accesibilidade e servizos da instalación.
Esta actuación forma parte da vintena de actuacións de carácter estratéxico apoiadas pola Xunta na convocatoria de 2024 e o ano pasado financiouse case outra vintena de proxectos. En cada unha das dúas anualidades, o orzamento superou os 8 millóns de euros, o que supuxo un investimento acumulado en dous anos de máis de 16 millóns de euros en case 40 proxectos estratéxicos nos municipios da comunidade.
Na convocatoria deste 2026, publicada a comezos deste mes, tal e como explicou o conselleiro, a contía incrementouse ata os 10 millóns de euros, consolidando esta liña como un instrumento fundamental para os concellos galegos. De feito, Diego Calvo lembrou hoxe que os concellos que realicen investimentos en infraestruturas municipais que supoñan un desenvolvemento estratéxico desde o punto de vista económico, social ou territorial poden presentar as súas solicitudes á actual convocatoria ata o 8 de xuño. Deberán facelo de maneira obrigatoria por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).
Cómpre aclarar que cada proxecto estratéxico para o que se solicite apoio deberá ter un orzamento mínimo de 400.000 euros e a Xunta financiará un importe máximo por cada un deles do 50% do orzamento ou do custo final cun límite máximo de 500.000 euros.















