O Concello de Ribadavia deu un paso significativo na aposta por un modelo económico centrado nas persoas. O pleno da Corporación Municipal aprobou onte o Plan Local de Economía Social, un documento de planificación estratéxica que traza a folla de ruta do municipio para os próximos catro anos en materia de cooperativismo, emprendemento colectivo e desenvolvemento local sostible.
O Plan, elaborado co apoio do programa Eusumo da Xunta de Galicia e a cooperativa para a transformación social Larega, aposta por un modelo económico centrado nas persoas e no interese colectivo, en coherencia coas políticas en materia de economía social.
A súa elaboración incorporou un proceso participativo que reuniu veciñanza, asociacións, axentes económicos e persoal técnico e político do Concello, co obxectivo de identificar as necesidades reais do municipio e as oportunidades que ofrece o seu patrimonio cultural, vitivinícola e paisaxístico. A diagnose resultante recoñece os retos estruturais do municipio —o envellecemento demográfico, a perda de poboación nova ou a dependencia do turismo estacional— pero tamén as súas fortalezas: unha identidade territorial moi marcada, un tecido asociativo activo e un potencial enorme en sectores como o turismo enolóxico, os coidados, o comercio de proximidade ou a valorización do patrimonio.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Con este plan queremos dar un marco claro ao traballo que xa se está a facer en materia de economía social no municipio”, sinalou o alcalde, César Fernández. O rexedor calificouno como un documento “realista, adaptado á nosa capacidade como concello, e con vontade de continuidade”.
O Plan estrutúrase arredor de tres eixos estratéxicos: persoas, entidades e gobernanza. No terreo da sensibilización, contempla campañas municipais de difusión, un programa estable nos centros educativos da contorna e un evento anual de visibilización da economía social en Ribadavia. Prevese tamén formación para axentes locais —persoal técnico, profesorado e asociacións— e a cesión de espazos municipais para proxectos colectivos.
No apoio directo ás iniciativas, o Plan inclúe programas de prácticas en entidades de economía social, acompañamento a proxectos emerxentes e accións específicas nos sectores prioritarios do municipio: o turismo enolóxico, o comercio local, os servizos de coidados e a xestión do patrimonio. Incorpora ademais propostas de maior alcance transformador, como a promoción da vivenda cooperativa, o impulso de comunidades enerxéticas locais e a posta en valor das comunidades de montes como base para proxectos colectivos.
No eido da gobernanza, o documento prevé contratación pública responsable, espazos estables de cooperación entre o Concello e o tecido local, e un sistema de seguimento anual que garantirá a continuidade e adaptación do Plan ata 2029.
O documento aliñase coa Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027 e coa Estratexia Española de Economía Social 2023–2027, o que abre a porta a financiamento autonómico, estatal e europeo para as accións previstas. “Aprobamos este plan con vontade de que se execute. Queremos que Ribadavia sexa un exemplo de que os concellos pequenos tamén poden liderar modelos de desenvolvemento máis xustos e sostibles”, concliu a concelleira de Emprego, Regina Bahamonde.

















