A Xunta renova este venres o préstamo vendima para garantir a compra de uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado

O conselleiro do Medio Rural presidiu a presentación oficial do viño institucional da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) de 2021

Publicidade
  • O Diario Oficial de Galicia publicará a orde pola que se regula o procedemento para o recoñecemento ás adegas do dereito a empréstitos de campaña para este 2021
  • As denominacións de orixe vitivinícolas galegas demandaron unha superficie de máis de 10.000 hectáreas para implantar polígonos de viñedos, ao abeiro da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia
  • A Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas pretende mellorar o posicionamento dos viños galegos de calidade e aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este mércores pola tarde a presentación oficial do viño institucional da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) de 2021 , correspondente á colleita do ano pasado 2020. Alí, o conselleiro avanzou que este venres sairá no Diario Oficial de Galicia a renovación do “Préstamo vendima” coa publicación da orde pola que se regula o procedemento para o recoñecemento a adegas do dereito a empréstitos de campaña no ano 2021, garantidos pola Xunta, co fin de aportar liquidez ás adegas galegas. No acto tamén estiveron presentes o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o director da Evega, Juan Casares.

Neste senso, José González salientou que con esta ferramenta, creada o pasado ano para paliar a afectación das repercusións económicas do sector por mor da covid-19, preténdese asegurar a compra de uva en condicións normais de mercado, co fin de garantir a capacidade de resiliencia das adegas.

Precisamente, co fin de facilitarlle o desenvolvemento da súa actividade a viticultores e adegueiros, o conselleiro sinalou que na convocatoria da Manifestación de Interese de proxectos autonómicos do sector primario e agroalimentario galegos, e outros interesados, o sector vitivinícola tivo unha importante participación.

Así, José González subliñou que as denominacións de orixe galegas achegaron as mellores localizacións para implantar polígonos de viñedos, ao abeiro da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que abarcarían unha superficie de máis de 10.000 hectáreas entre as cinco D.O. galegas. Deste conxunto, sinalou o titular de Medio Rural, preto de 5.800 hectáreas serían para a D.O. Ribeira Sacra, máis de 2.200 hectáreas para a D.O. Rías Baixas, unhas 1.400 hectáreas para a D.O. Ribeiro, 400 para a D.O. Monterrei e 300 máis para a D.O. Valdeorras.

Esta superficie, aclarou o conselleiro, está actualmente en estado de abandono ou de infrautilización, polo que agora só queda poñela a traballar e darlle así cobertura á inxente demanda de terra agraria. “Esta lei vén coa idea de recuperar toda esa terra para podela dedicar ao que sempre foi dedicada, neste caso, como en moitas ocasións, ao viñedo”, engadiu González. Desta forma, a través dos instrumentos que ofrece esta lei, garantirase a posta en marcha de actividade rendible con valor engadido que permita, en adición, facerlle fronte aos incendios forestais, mobilizando a terra baixo as premisas de recuperación e de prevención.

Así mesmo, o conselleiro puxo en valor o novo selo de Pegada de Carbono Compensada de Evega, unha iniciativa pioneira que reflicte a vontade do Goberno galego -e do propio sector do viño- de consensuar o seu compromiso e accións cos da Unión Europea en materia de medio ambiente e cambio climático. Precisamente no acto tamén estivo Alberto Covelo, o presidente da comunidade de montes veciñais en man común de Vincios, beneficiada das plantacións promovidas pola Evega que redundan na absorción do dióxido de carbono derivado deste organismo.

Estratexia do viño

Durante a súa intervención, o titular de Medio Rural lembrou tamén a recente presentación da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas.

Neste sentido, salientou que se trata dunha estratexia integral e ambiciosa que conta co obxectivo prioritario de mellorar o posicionamento dos viños galegos de calidade, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce, aproveitando todos os recursos patrimoniais, naturais e paisaxísticos de xeito sostible.

Así, o conselleiro explicou que a iniciativa xorde dun intenso traballo participativo con todos os axentes da cadea de valor entre consellos reguladores, adegueiros e viticultores, así como coas tres universidades galegas, axentes relevantes do territorio e tamén do sector turístico.

Viño Evega 2021

O viño da Evega que se presentou esta tarde correspóndese á colleita 2020 e alcúmase “O camiño da liberdade”. Este ano, a través da etiquetaxe do seu viño, a Evega quere render unha homenaxe a todas as galegas e galegos polo seu comportamento exemplar na loita contra a pandemia. Dende o ano 2016, a Consellería do Medio Rural elabora un viño institucional coas colleitas da propia Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia para usos formativos en catas e degustacións celebradas dentro das actividades organizadas pola propia Evega.