A Xunta pon en valor o traballo das familias acolledoras galegas e destaca esta modalidade como preferente na protección a nenos e adolescentes en situación ou risco de desamparo. Así o indicou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, durante o respiro familiar organizado pola Asociación galega de familias de acollida (Acougo) na Residencia de tempo libre do Carballiño, coincidindo co Día Mundial do Acollemento Familiar.
Galicia é a segunda comunidade autónoma con mellores ratios de acollemento familiar, con máis de 1.100 menores que non poden vivir cos seus proxenitores, pero que si residen cunha familia acolledora e non precisan estar nun recurso residencial de protección.
Un compromiso co benestar dos nenos e adolescentes que conta cun apoio decidido do Executivo galego, que este ano destina preto de 6 millóns de euros ás axudas mensuais que reciben as familias acolledoras. Estas axudas medraron un 50% desde 2023.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A Xunta pretende que os menores permanezan en contornas familiares estables sempre que sexa posible e con ese espírito a nova Lei galega de infancia e adolescencia impulsa o acollemento familiar. A norma contempla, entre outras medidas, a prioridade para as familias acolledoras nos procesos de adopción, a creación dun rexistro autonómico de familias acolledoras e adoptivas, a redución das rupturas emocionais entre menores e familias de acollida e a axilización dos procedementos para protección e adopción dos nenos a adolescentes.

















