‘A Batalla’: O pobo do Ribeiro derrotou ao exército francés en Pazos de Arenteiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

VIDEO: Premer na Imaxe

As tropas de Cachamuíña voltaron a derrotar ás francesas do mariscal Soult, na recreación histórica que tivo lugar o pasado sábado en Pazos de Arenteiro, localidade do municipio de Boborás declarada como conxunto histórico-artístico. Un evento que se vén celebrando dende o ano 2017 e que lembra a épica loita do 2 de marzo de 1809, cando uns 300 galegos, liderados polo capitán Cachamuíña, se enfrontaron a máis dun milleiro de soldados do exército napoleónico baixo os arcos da Ponte da Cruz, convertendo ao Ribeiro nun escenario clave da resistencia galega no contexto europeo.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Así, pasadas as 20,30 horas, a veciñanza de Pazos e doutros lugares do Ribeiro, foi quen de deter o avance das tropas napoleónicas, cun intercambio de cañonazos e disparos de fusil e varios escarceos, ata que éstas tiveron que replegarse e deixar ceibe o paso aos galegos e galegas na ponte sobre o río Avia. A escenificación rematou cun duelo a espadas entre Cachamuíña e Soult, que finalizou co mariscal abatido e coa detención de varios soldados, que foron indultados antes de ser colgados da forca.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O Concello de Boborás, como organizador, puxo de manifesto o traballo de colaboración con outras festas históricas e recreacións de referencia como a Reconquista de Vigo ou a Batalla de Rande, coa participación de figurantes de estes eventos.

A programación de ‘A Batalla’ desenvolveuse ao longo de toda a xornada do sábado, con visitas guiadas por Pazos de Arenteiro, mercado artesán, recuncho infantil, obradoiros de Artesanía de Galicia, campamento francés, música, maxia familiar, loita de espadas e diferentes recreacións teatralizadas polas rúas do pobo. As visitas guiadas permitiron aos visitantes coñecer mellor Pazos de Arenteiro, declarado Conxunto Histórico-Artístico, e descubrir o seu valor patrimonial, arquitectónico, paisaxístico e histórico. Á primeira hora da noite, o grupo folclórico Feitizo de Pau protagonizou un concerto.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------