O Psoe de Leiro critica ao Alcalde por non sumarse ao plan de rescate vitícola do Psoe

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O ALCALDE DE LEIRO QUEDA TOTALMENTE ILLADO NO RIBEIRO TRAS O APOIO DOS CONCELLOS VECIÑOS AO PLAN DE RESCATE VITÍCOLA DO PSOE

Mentres o PP de Beade votou a prol por unanimidade e o de Cenlle se abstivo para permitir que saíse adiante, o PP de Leiro foi o único de toda a comarca que rexeitou frontalmente as axudas no pleno do pasado 27 de abril.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Grupo Socialista sinala que a teimosía do Alcalde-Senador carece de argumentos políticos, deixando aos viticultores de Leiro en total desvantaxe fronte ao resto do Ribeiro.

Leiro, 2 de xuño de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Leiro denunciou hoxe o “illamento político absoluto” do alcalde e senador Francisco José Fernández, que se converteu no único rexedor de todo o Ribeiro en rexeitar de xeito rotundo o plan de choque para apoiar á viticultura que os socialistas están a defender nos distintos concellos da comarca.

A comarca retrata o voto en contra de Leiro


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Dende o PSOE de Leiro consideran que o voto negativo do PP local carece de calquera xustificación política, como demostran os acordos e posicións adoptadas nos municipios veciños.

En Beade, a moción foi aprobada por unanimidade, co apoio do PP e do PSOE, reclamando medidas urxentes para facer fronte ás pragas e ao incremento dos custos de produción.

En Cenlle, o PP optou pola abstención, permitindo que a iniciativa saíse adiante co respaldo do resto dos grupos da corporación municipal.

Na Arnoia, o alcalde popular manifestou publicamente a necesidade de protexer ao pequeno viticultor e ao viñedo tradicional ante o risco de abandono e perda de actividade económica.

“O único alcalde de todo o Ribeiro que se negou a apoiar a baixada do IBI rústico nun 95 %, o único que votou en contra de reclamar axudas directas para facer fronte ás pragas e o único que rexeitou esixir o cumprimento estrito da Lei da Cadea Alimentaria para evitar a venda por debaixo dos custos de produción foi o de Leiro”, denuncian os socialistas.

Falta de apoio ao principal motor económico

O Grupo Socialista considera especialmente preocupante que, mentres os concellos veciños buscan acordos e consensos para defender ás familias que viven do viñedo e garantir o futuro do rural, o Goberno municipal de Leiro optase por desbotar todas as propostas presentadas.

“Francisco José Fernández demostrou que prefire a confrontación política antes que defender o principal motor económico do noso concello. Está a votar en contra de medidas que os seus propios compañeiros de partido apoiaron noutros municipios da comarca”, sinalan dende o PSOE de Leiro.

Os socialistas conclúen reclamando ao alcalde que rectifique a súa postura e se sume ás demandas urxentes dun sector estratéxico para a economía local, que atravesa unha situación especialmente difícil debido ao aumento dos custos, ás pragas e á caída da rendibilidade das explotacións vitícolas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------