O Psoe de Lobios denuncia os incumprimentos “constantes” do convenio de cesión do Balneario de Río Caldo

O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia os incumprimentos “constantes” e “flagrantes” do convenio de cesión do balneario de Río Caldo no que se recollía que a fundación se comprometía a crear entre 60 e 80 postos de traballo, preferiblemente para habitantes do concello, asemade de postos máis especializados que en caso de non optar veciños ou veciñas do municipio, se traería a xente de fóra. Os socialistas critican que non só non se cumpre esta condición, senón que os traballadores e as traballadoras son empregados en outros balnearios do propio grupo por toda a provincia, provocando un “grave trastorno” par aqueles que teñen os seus domicilios en Lobios e deben desprazarse a outros balnearios.

Dende o Grupo Municipal Socialista anuncian que esixirán á alcaldía que amose o contrato coas condicións de cesión que no seu día se fixo para a construción do balneario de Río Caldo, xa que tal e como relatan “non só se privou ao Concello de explotar o manancial e ser unha potencia termal real, senón que non se compren as condicións que nos venderon de palabra”. Denuncian tamén que o balneario “está pechado a cal e canto” e que tan só está aberta a piscina e o bar.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas denuncian que nos últimos días veñen de coñecer unha nova na que unha empresa externa a Fundación San Rosendo, a que foi cedida a explotación do balneario, busca traballadores para a próxima apertura. Unha noticia que se deu a coñecer a través da páxina de Facebook do concello de Bande, situación que causou “profundo” malestar entre a veciñanza de Lobios, ante a ausencia de anuncios por parte do Concello destes postos de traballo. Esíxenlle tamén ao grupo de goberno municipal que “deixe de vender fume co termalismo” e se “poña a traballar por unha explotación das augas termais real, correcta e en beneficio do municipio e as súas xentes”.

O concelleiro socialista en Lobios, David Fernández, preguntase que “acontece cos veciños e veciñas de Lobios que traballaban no balneario e que nestes momentos se atopan na súa casa?”. Critica que non se teña en conta a aqueles veciños e veciñas que están no paro e que segundo apunta “deberían ter prioridade a hora de optar a estes postos de traballo, tal e como recolle o convenio de cesión, no que se pon de manifesto que a veciñanza de Lobios debe ter cabida nos postos de traballo que oferte o balenario”.

O PSdeG-PSOE en Lobios critica que a privatización dun recurso natural como a auga termal durante xeracións “está privando ao noso municipio de desenvolverse e medrar” e esixen que se revise o convenio de cesión para que o Concello e a veciñanza “teña polo menos algún tipo de contraprestación pola explotación dun recurso natural do municipio”. Fernández critica que a alcaldesa do Partido Popular “fai oídos xordos a estas reclamacións, namentres cos seus silencios e cómplice da situación que se vive”. Esíxelle que “se poña a traballar pola veciñanza de Lobios e que se publiciten na web municipal e nas redes sociais do concello este tipo de ofertas de emprego, para que a veciñanza que así o desexe teña constancia destes postos de traballo vacantes e poida optar aos mesmos”.