
A indignación percorre estes días as rúas de Xendive, no concello de Boborás. Os veciños asisten atónitos ao que consideran un auténtico atentado contra o seu patrimonio natural: a tala inxustificada dunha parte da súa emblemática carballeira, un bosque que formou parte da identidade do pobo desde que os máis maiores teñen uso de razón. Pero o que está a suceder en Xendive non é só unha agresión paisaxística. É un golpe directo á memoria colectiva, unha ferida na alma dunha comunidade que ve como se derruba, sen piedade, un anaco da súa propia historia.
A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, confirmou que a tala está autorizada por Medio Ambiente e que o Bispado de Ourense, propietario dos terreos, vendeu as árbores. Legal, si. Pero, xa que logo, lexítimo? Cando un pobo enteiro se mobiliza para protexer un espazo que consideraba seu, algo falla na cadea de decisións. E o problema é que esta ferida non só é sentimental. Nunha zona historicamente castigada polos incendios forestais, a carballeira funcionaba como un auténtico “escudo protector” fronte ao lume. Ao eliminar esa barreira natural, o pobo queda agora moito máis vulnerable ante a tempada de alto risco que se aveciña.
Para entender a verdadeira profundidade desta perda, cómpre escoitar quen garda na memoria o que os libros non sempre recollen. Pedro Fernández Núñez, escritor e membro do Instituto de Estudos Carballiñeses, viviu en Xendive durante vinte anos, onde o seu pai exerceu como mestre. “Eu vivín moitos anos en XENDIVE porque o meu pai era o Mestre de XENDIVE e recordo que ao pasar diante dela, lle rendían respeto e veneración, coma se se tratara dunha deusa.” Pedro escribiu unha novela:”Maestro de Campobecerros“. Nesa novela, Fernández Núñez describe a “carballa” como unha árbore “enorme, descomunal”, unha “fortaleza centenaria” que José, o protagonista —o seu propio pai—, contemplaba “en silencio e con respecto” xa desde o primeiro día. Era un símbolo tan arraigado que os carreteiros, ao pasar diante dela, a miraban “en silencio e con admiración”.


O que está a ocorrer en Xendive non é un feito illado. É o síntoma dunha enfermidade máis profunda: a incapacidade de certas institucións para entender que o patrimonio non é só unha propiedade privada, senón un ben común que sostén a identidade dunha comunidade. O Bispado de Ourense, que se desfixo dunhas árbores centenarias por un beneficio económico a curto prazo, debería reflexionar sobre o papel que xoga como gardián da herdanza cultural e natural de Galicia. Non é a primeira vez, nin será a última, que o interese económico se antepoñ á preservación. Pero iso non o fai menos condenable.



















