Noa Presas acusa á Xunta de “crear galegos e galegas de primeira e de segunda ao atrasar a cobertura de baixas e xubilacións no rural como amosan os casos de Ribadavia, Cenlle ou Beade e demanda un plan de reforzo de persoal e previsión ante as xubilacións”.
Ourense 30/10/2026. A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas avanzou esta mañá iniciativas no Parlamento para denunciar “a escandalosa situación da sanidade no Ribeiro, con faltas recorrentes da cobertura de Atención Primaria como amosan Beade ou Cenlle e coa perda da matroa en Ribadavia sen solución prevista malia ser unha xubilación prevista e coñecida” como xa fixo o Grupo Municipal de Ribadavia esta mesma semana cunha moción de urxencia.
A deputada denuncia “que o goberno da Xunta do PP crea galegos de primeira e de segunda ao non cubrir as faltas de persoal por xubilacións ou o exercicio de dereitos como amosa a falta de cobertura da matroa do PAC de Ribadavia, que atende toda a comarca, e a demora nas xestións para cubrir á médica de Beade ata o próximo luns e a falta de facultativos en Cenlle, algo que xa pasou en verán e que o BNG denunciou no seu día.”
Para o BNG “é especialmente grave que non se estea cubrindo a praza de matroa despois de que se producira a xubilación da profesional. Esta situación afecta a saúde das mulleres ao impedir ter a principal referencia para a saúde sexual, reprodutiva e xinecolóxica, moi especialmente para as mulleres embarazadas, que teñen dereito a ter asesoramento, acompañamento e seguimento durante o proceso.”
Presas acusa ao Partido Popular de “orquestrar unha operación de demolición da sanidade pública ao non planificar adecuadamente a cobertura das baixas laborais longas nin prever adecuadamente as xubilacións, o cal é especialmente grave na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras na que temos traballadores e traballadoras con máis idade media que no resto de Galiza e sabemos que en dez anos vaise xubilar máis dun terzo dos médicos e médicas” e engadiu que “de feito, o propio Colexio de Médicos ten sinalado que a maior taxa de persoal sanitario que se xubila ao chegar aos 65 prodúcese en Medicina de Familia, polo que é temerario que a Xunta do PP non aborde isto.
Falta de orzamento e de cobertura de vacantes
Así mesmo, Presas recordou que “a Xunta vén de presentar o proxecto de orzamentos para 2027 e non prevé medidas extraordinarias para a comarca do Ribeiro para alén de rematar o que xa está en marcha, constatamos tamén como Galiza sofre o recorte acumulado en Atención Primaria de 1.500 millóns de euros e así Galiza é unha das comunidades que menos inviste neste nivel asistencial, cun 12% do gasto sanitario fronte ao 14% de media estatal, lonxe da recomendación do 25% da OMS e cun déficit de persoal grave e severo con vacantes que alcanzan o 24% en medicina de familia, tal e como certificou o Consello de Contas.















