O sábado 13 de xuño, ás 20,00 horas, no Centro Cultural de Arenteiro, terá lugar a obra de teatro “Neura”, de Ste Xeito Produccións. Neura é unha comedia que aborda o tema da saúde mental, con minúsculas. Os protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Neura non é unha comedia romántica: Edu e Sonia, xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor. Unha historia que terminou precisamente por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos “ex”. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que nos comportamos coma se fosen perfectos descoñecidos. Os azares da vida fan que se volvan a atopar en distintas circunstancias. Obrigados unha vez máis a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras.
A entrada é de balde e está dirixida a público de máis de 12 anos.
Esta actividade forma parte do programa da Rede de Auditorios da Deputación Provincial de Ourense, unha iniciativa que permite aos concellos adheridos ampliar a súa oferta cultural e facilitar o acceso da veciñanza a propostas escénicas de calidade, contribuíndo así á dinamización da vida cultural do municipio.

















