A Consellería do Medio Rural informa de que se declarou a Situación 2, como medida preventiva, no incendio forestal do concello ourensán de Boborás, parroquia de Moreiras, que permanece activo. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo habitado de Vecoña, unha das aldeas desta parroquia. Esta situación de alarma podería motivar o desaloxo da veciñanza desta localidade para evitar danos persoais.
Este lume iniciouse ás 21,55 horas de onte sábado nunha zona boscosa da parroquia de Santa Mariña de Moreiras, en Boborás, entre os puntos de O Gabián e A Fenteira. Segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 4 técnicos, 8 axentes, 20 brigadas, 11 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 pas, 5 helicópteros e 9 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.










