O pazo da familia Losada, na localidade de Moldes, en Boborás, acolleu este pasado sábado a entrega do ‘Premio Antón Losada Diéguez, correspondente á súa 41ª edición, organizada na quenda anual polo Concello de Boborás. Por vez primeira na historia deste certame que tamén patrocina o Concello do Carballiño e a Deputación de Ourense foron dúas as mulleres galardoadas: Cynthia Menéndez no eido de creación literaria e Carmen V. Valiña en ensaio e investigación, cunha dotación económica de 6.000 euros para cada unha.

No acto, no que actuo de mantedora Nuria Castro, presentadora da TVG, estiveron presentes a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, tamen presidenta da Fundación Losada Diéguez; o rexedor en funcións do Carballiño, José Castro-Gil; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e o presidente da institución provincial, Luis Menor. Tamén asistiron os concelleiros de Cultura e Medio Rural do Carballiño, Diego Fernández e Miguel Fernández, así como o edil Manuel Vázquez, de Espazo Común, e Argimiro Marnotes e Juan Manuel Casares, deputados por Ourense no Parlamento.
Previamente, na igrexa parroquial de San Mamede de Moldes oficiouse unha misa cantada pola Coral Polifónica Casino do Carballiño, e os asistentes foron acompañados ata o pazo pola Banda de Gaitas de Boborás.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O xurado do ‘XLI Premio Antón Losada Diéguez’, reunido o pasado 25 de abril, decidira por maioría a concesión do premio na modalidade de ensaio e investigación a “As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885–1936)”, a obra de Carmen V. Valiña, de Editorial Galaxia. Valorouse especialmente “a adopción dun estilo singular e fluído, próximo á narrativa de ficción, que permite ofrecer unha visión lúcida sobre o tratamento das mulleres no sanatorio de Conxo. A análise crítica do arquivo desta institución pon de relevo cuestións como a violencia machista, a maternidade, a disidencia social e a súa dimensión histórica”. O delegado autonómico Manuel Pardo foi o encargado de entregarlle o diploma acreditativo e a figura conmemorativa a Carmen V. Valiña.
Tamén por maioría, o xurado acordaba conceder o premio na modalidade de creación literaria á obra “Son coma glaciares os barcos de aceiro”, da que é autora Cynthia Menéndez. O xurado destacou desta novela, tamén publicada por Editorial Galaxia, “que se trata dunha narración de alento lírico e esteticamente innovadora que aborda a mobilización sindical no sector naval de Vigo nos anos noventa, un tema aínda pouco explorado na literatura galega”. Neste caso, o presidente da Deputación, Luis Menor, fíxolle a entrega a Cynthia Menéndez.
Ao remate do acto, e tra-las intervencións das autoridades e as dúas galardoadas, a Banda de Gaitas de Boborás interpretou o Himno Galego. Os asistentes desfrutaron despois dun pequeno ágape baixo a carballeira de Moldes.








