O Concello do Carballiño irmándase con Mogán, onde se sitúa o coñecido, para ben e para mal, porto de Arguineguín, visitado recentemente polo papa León XIV e onde realizou unha histórica ofrenda aos migrantes. Para mal (de feito chegou a chamarse o peirao da vergoña), polo abandono no que quedaron miles de persoas ante a insólito número de caiucos que chegaron a ese lugar no ano 2020. Para ben, pola recente e emotiva visita do Papa, o primeiro que se achega ás Illas Canarias e que serviu para rebautizar o lugar como o porto da esperanza despois de que León XIV se inclinara ante a dignidade dos migrantes. “Quero inclinarme ante a súa dignidade. Vostedes son persoas cunha familia e unha casa deixada atrás, con soños que ninguén ten dereito a despreciar”, deixou dito.
O estreito vínculo coa migración que comparten O Carballiño e Mogán, no caso carballiñés de saída durante a segunda metade do século pasado, é un aliciente máis para este irmandamento, que xurdiu a raíz da recente presentación da Festa do Pulpo en Lanzarote debido, basicamente, á tradición gastronómica de ambos municipios baseada en produtos do mar. Mogán tamén celebra cada ano unha importante feira que reivindica a súa xoia gastronómica, o atún, ao igual que faio O Carballiño co polbo. É aí onde xorde a posibilidade de irmandarse: “Esta unión permitirá promocionar a riqueza da cociña tradicional e dos produtos do mar, como son o polbo e o atún”, explica Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Esta unión formalizarase durante a Festa do Pulpo, á que acudirán representantes do goberno municipal canario para coñecer a tradición festiva e degustar o polbo á feira. A súa visita permitirá intercambiar experiencias, técnicas e tradicións ligadas á gastronomía atlántica.
Por outra banda, o Concello do Carballiño será invitado de honra na “Feria del Atún y del Mar”, que se celebra en novembro en Mogán. O evento, ao que tamén acoden milleiros de persoas, conta con degustacións de atún e showcookings, así como coa cita do “ronqueo”, no que se leva a cabo o despece tradicional dun exemplar de grandes dimensións -moi similar á elaboración da Tapa de cefalópodo máis grande do mundo que se realiza no Carballiño-. “Estamos moi contentos de irmandarnos cun lugar como Mogán no que tamén se pon en valor e se reivindica a calidade do noso mar e da tradición da cociña atlántica”, apunta Dacal.

















