O BNG presentará no próximo pleno ordinario do Concello de Ribadavia, previsto para o vindeiro 25 de xuño, unha proposta para impulsar a construción dunha nova pasarela peonil sobre o río Avia que conecte directamente a zona da Veronza coa contorna do Pavillón Municipal de Deportes e as estacións de tren e autobús.
A iniciativa nace coa finalidade de mellorar a mobilidade peonil entre dúas das áreas con maior actividade e afluencia de persoas da vila. Por unha banda, A Veronza constitúe un dos principais espazos de paseo, lecer e práctica deportiva de Ribadavia, ademais de estar situada xunto á zona máis poboada do municipio e preto dos centros educativos e sanitarios. Pola outra, a contorna do pavillón municipal concentra unha intensa actividade deportiva, educativa e social e serve de acceso ás principais infraestruturas de transporte público.
Na actualidade, a conexión entre ambas marxes do río obriga a realizar percorridos máis longos dos que corresponderían pola proximidade existente entre estes espazos. Esta situación afecta especialmente ás persoas que se desprazan a pé, así como ás persoas maiores, nenos e nenas e persoas con mobilidade reducida, sendo obrigados a utilizar a ponte do barrio de San Francisco.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde o BNG consideran que a construción desta pasarela suporía unha mellora significativa da accesibilidade e da calidade de vida da veciñanza, favorecendo desprazamentos máis cómodos e seguros e contribuíndo a unha vila máis sostible e amable para as persoas. Ademais, sinalan que a actuación permitiría reforzar a conexión entre distintos barrios e equipamentos municipais, potenciar os desprazamentos a pé e integrar mellor os espazos públicos situados nas dúas marxes do río Avia.
A proposta que será debatida no pleno solicita ao Concello de Ribadavia o inicio dos trámites necesarios para a redacción e execución do proxecto, así como a procura de financiamento doutras administracións públicas, nomeadamente da Deputación Provincial de Ourense, da Xunta de Galicia e da CHMS. Tamén reclama que a futura infraestrutura cumpra criterios de accesibilidade universal, seguridade e integración paisaxística co entorno natural do río.
Dende o BNG consideran que esta actuación constitúe unha demanda razoable e beneficiosa para o conxunto da cidadanía e agarda que a proposta poida contar co respaldo necesario para converterse nun proxecto real nos vindeiros anos.
“Falamos dunha infraestrutura sinxela pero cun grande impacto na vida diaria da veciñanza. Ribadavia necesita mellorar as conexións peonís entre os seus principais espazos públicos e esta pasarela permitiría unir dúas zonas estratéxicas da vila, facilitando desprazamentos máis curtos, seguros e accesibles para todos”, sinalan dende a formación nacionalista-.


















