O Club Deportivo Arenteiro celebrará mañá, xoves 25 de xuño, unha asamblea xeral extraordinaria, que terá lugar no Auditorio Manuel María do Carballiño a partir das 20,30 horas, e na que se informará aos socios e socias presentes sobre a situación deportiva, social e económica da entidade, ademais de proceder á elección dun novo presidente ou presidenta do club, en caso de presentarse algunha candidatura antes das 23,59 horas de hoxe, mércores día 24 de xuño. Na mesma reunión darase a coñecer, de xeito formal e oficial, da dimisión de Argimiro Marnotes Fernández como presidente.
En consecuencia, na orde do día desta asamblea tamén se contempla a presentación das propostas, se as houbese, de candidaturas á presidencia, e a súa defensa por parte das persoas interesadas. Finalmente, procederase á elección de novo presidente por votación da masa social que asista, tendo en conta que só teñen dereito a voto os maiores de 18 anos de idade. Tra-la proclamación do novo presidente, haberá unha quenda de intervención aberta aos socios, que terán acceso ao Auditorio co carnet en vigor da tempada actual (2025-2026) e coa cota correspondente satisfeita.

















