A sétima edición do programa de concertos ‘Feito no Carballiño’, que cada ano organiza a Área de Cultura do Concello do Carballiño co obxectivo de darlle visibilidade aos artistas locais con recitais en diferentes espazos urbanos da vila, terá hoxe, venres 3 de xullo, o seu punto de partida coa actuación do dúo ELOS. A cita terá lugar na rúa Perfectino Viéitez dende as 20,30 horas e con asistencia totalmente libre e gratuíta.
“Para os artistas é unha oportunidade perfecta para tocar na casa e amosar o seu gran talento”, resalta Diego Fernández, concelleiro de Cultura, quen destaca a importancia de apostar polos músicos e músicas locais. “Este ciclo dá conta da calidade dos nosos artistas e bandas, moitos deles formáronse aquí, no Conservatorio, e seguen formándose e crecendo”, engade.
O dúo ELOS está formado polo multiinstrumentista Sérgio Tannus e a cantante carballiñesa Marta Bravo, unha alianza artística que conxuga coas raíces brasileiras os sons do soul, jazz, funky, samba ou ritmos africanos. No seu repertorio combinan temas propios con versións que apostan pola orixinalidade, a calidez e a interacción co público.















